A Deputación leva este venres ata Bueu unha nova xornada do programa de convivencias veciñais +Convivir

Trátase da oitava das xornadas da segunda edición desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que chegará este sábado á Casa Videira de Bueu a partir das 16:30 horas

21/10/2025

A Deputación de Pontevedra leva este venres 24 de outubro ata Bueu unha nova xornada do programa de convivencias veciñais +Convivir. Trátase da oitava actividade da segunda edición desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que xa pasou este ano por Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro e Ribadumia, e chegará este venres á Casa Videira de Bueu a partir das 16:30 horas, coa presenza do deputado de Acción Comunitaria Javier Tourís.

A actividade prevé sumar a centos de persoas que gozarán dunha xornada lúdica pero tamén de aprendizaxes. Neste eido, haberá unha charla sobre o alzhéimer e un obradoiro de risoterapia a cargo de AFAMO e AFAGA, respectivamente, así como unha sesión de ximnasia de mantemento da man de Toni Garrido e outra de bailes de salón por parte de Breogán Pérez. A xornada completarase con música e cun refrixerio para as persoas asistentes, ademais dun inchable para os máis cativos se as condicións meteorolóxicas o permiten.

+Convivir é un programa provincial co que a Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e enxalza o papel que este desenvolve para o avance da provincia. Ademais de Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Ribadumia e agora Bueu, o programa chegará este ano a Gondomar e Tui. O pasado ano, foron case 4.000 as persoas que desfrutaron das sete citas organizadas pola institución ao longo da xeografía provincial.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.