A Deputación estrea este venres en Vilagarcía de Arousa o novo programa provincial +Convivir Peques no que a Policía Nacional instruirá ás familias a empregar a Rede con seguridade
O deputado provincial Javier Tourís presentou na Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía esta iniciativa lúdica e formativa dirixida ás familias da provincia que se porá a funcionar por vez primeira este venres 30 de maio ás 16:30 horas no CEIP Arealonga
26/05/2025
A Deputación de Pontevedra pon en marcha este venres 30 de maio en Vilagarcía de Arousa o novo programa provincial +Convivir Peques dirixido ás familias da provincia. Esta iniciativa lúdica e formativa, que foi presentada polo deputado provincial Javier Tourís arranca este venres por vez primeira ás 16:30 horas no CEIP Arealonga, comezará coa charla “Navega con seguridade”, impartida pola Policía Nacional, e continuará con actividades de animación, música, merenda e inchables.
+Convivir Peques sigue a estela de +Convivir, “o programa que naceu o pasado ano para xuntarnos, para unirnos e gozar do tempo de lecer pero tamén para aprender e debater sobre cuestións que nos preocupan como sociedade”, recordou o deputado provincial quen engadiu que “o obxectivo é o mesmo pero o público será diferente, xa que queriamos que as familias, o núcleo básico por excelencia da nosa sociedade, fosen as protagonistas deste programa provincial que comeza en Vilagarcía e agardamos poder espallar por toda a provincia”.
Esta novidosa iniciativa comezará coa charla da Policía Nacional “Navega con seguridade”. Ao respecto, Tourís manifestou que “Internet, as redes sociais e o encontro das nenas e nenos coas novas tecnoloxías é algo que, tarde ou cedo, acontece en todos os fogares e esperta moitos temores entre as familias así que que mellor que contar coa Policía Nacional para aprender a navegar con seguridade”. Neste eido, o deputado agradeceu a implicación da Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía, onde se presentou o programa, coa súa posta en marcha.
Trala charla “Navega con seguridade” haberá actividades de animación como as que liderará Javi Solla, entre as 17:30 e as 18:15 horas, ou o mago Paco con “Hocus Pocus” de 18:15 a 19:00 horas. Tamén haberá merenda, inchables e música da man do DJ Bruno Canario, de 19:00 a 21:00 horas. “Será –asegurou o deputado- unha tarde para aprender pero tamén para compartir e divertirse. Será, por riba de todo, unha oportunidade para xerar espazos comúns que, sen dúbida algunha, fan que esta provincia avance e vaia a máis”.
