Luis López salienta que o Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana 1,3 millóns de euros para que 7 concellos impulsen novos investimentos e afronten gasto corrente

Estes novos recursos beneficiarán a Cambados, Gondomar, Meaño, O Grove, O Porriño, Tomiño e Vilagarcía de Arousa. O +Provincia destinou xa preto de 24 millóns de euros aos concellos de menos de 50.000 habitantes

02/05/2025

Xunta de Goberno

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 1,3 millóns de euros para que Cambados, Gondomar, Meaño, O Grove, O Porriño, Tomiño e Vilagarcía de Arousa impulsen novos investimentos e afronten gasto corrente a través das dúas primeiras liña do Plan +Provincia 2025. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial segue “avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos algo máis de 24 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.

Desta maneira, O Grove e Tomiño recibirán 480.000 euros para completar o financiamento dos proxectos que xa contan con achegas do Plan Extra e que, en total, mobilizan preto de 2 millóns de euros. En concreto, O Grove recibirá 179.374 € para a fase dous da humanización da contorna do Sineiro, que conta con 538.121 € do Plan Extra, e Tomiño 299.381 € para a implantación do novo modelo de residuos, que completan os 898.143 € do Plan Extra.

Ademais, tamén ao abeiro da liña 1 de investimentos Cambados recibirá 106.766 € para a expropiación dos terreos para a conexión da rúa Pacheca coa rúa do Castro; Gondomar contará con 91.718 € para mercar unha miniescavadora; Meaño con 400.690 € para o ensanche e mellora da pavimentación de diferentes camiños; O Porriño con 125.508 € para a pavimentación en camiños no Coto do Muiño, A Relva, Contrasto 1-2 e O Regueiro; e Tomiño con 145.174 € para a execución de vestiarios no Campo de Fútbol Municipal do Alivio, que conta tamén con 162.075 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Ademais, Vilagarcía tamén recibirá 123.066 € da liña 2 para afrontar o gasto corrente derivado da programación cultural, deportiva e social do concello.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.