Luis López confirma que Moaña e Bueu recibirán máis de 420.000 euros para impulsar novos investimentos a través do Plan +Provincia
“Levamos xa distribuídos preto de 43,5 millóns de euros neste 2025 entre os concellos de menos de 50.000 habitantes no marco deste plan, o máis ambicioso da historia da Deputación”, subliñou o presidente
05/09/2025
Luis López acaba de confirmar a aprobación en Xunta de Goberno de novos recursos do Plan +Provincia. Nesta ocasión, Moaña e Bueu recibirán máis de 422.000 euros para impulsar novos investimentos para transformar e mellorar os seus termos municipais. “Levamos xa distribuídos preto de 43,5 millóns de euros neste 2025 entre os concellos de menos de 50.000 habitantes no marco deste plan, o máis ambicioso da historia da Deputación”, subliñou o presidente provincial.
O Concello de Moaña beneficiarase de 254.000 euros para a humanización da travesía da estrada da praia de Meira, tal e como anunciou esta mesma semana a deputada provincial María Ramallo nunha visita realizada á vila. A actuación permitirá incrementar o espazo peonil nun 274% e construír un espazo accesible, seguro e atractivo, con zonas de lecer e relación interpersoal.
Pola súa banda, Bueu recibirá preto de 170.000 euros cos que poderá impulsar dúas actuacións. 106.588 euros irán dirixidos á construción de muros de contención no lugar da Graña e outros 61.253 euros a mellorar un camiño na Roza.
