A “irrepetíbel aventura” da vida de María do Carme Kruckenberg chega á sede da Deputación en Vigo

A mostra da Fundación Penzol pon en valor o inmenso percorrido vital dunha das intelectuais máis salientables do século XX e que “sempre tivo a Vigo como a súa razón de ser”

07/10/2022

Kruckenberg

Escoitando a propia voz de María do Carme Kruckenberg sobre o son dun saxofón de mans doutra muller, a música Blanca Represas, arrancou esta tarde na sede da Deputación en Vigo a inauguración da mostra “Vivir, unha aventura irrepetíbel”, coa que a Fundación Penzol e a institución provincial queren honrar a figura e traxectoria dunha das escritoras de posguerra e intelectuais máis salientables do século XX, que, como destacaron todas as persoas que falaron “Vigo foi a súa razón de ser”. Nun acto de emocións e afectos, máis dun centenar de persoas do tecido social e cultural de toda Galicia encheron a Sala Rosalía, encabezadas polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e acompañaron á presidenta Carmela Silva, ao alcalde Abel Caballero, ao presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, e á comisaria da mostra, Mercedes Queixas, arroupando á filla da escritora, Cristina Pusone Kruckenberg, na emotiva xornada inaugural da exposición que pode ser visitada ata o 10 de novembro.

A mostra, con 12 paneis informativos, oito mesas expositoras e un audiovisual, recolle datos de relevancia sobre a autora e a súa obra, con textos e soporte gráfico, así como fondos de arquivo, bibliográficos e obxectos persoais da poeta depositados na Fundación Penzol. “Trátase dunha muller pioneira, cunha incesante actividade literaria e que fixo de Vigo un espazo-tempo único vital e creativo, un punto de inicio e retorno de todas as súas viaxes”, destacou Carmela Silva, que recordou a “ampla variedade de intereses” da intelectual, dende as artes, á literatura, música, interpretación, pintura, ata o seu coñecemento de seis linguas, e remarcou o seu “forte compromiso” coa lingua e a cultura galega. “Foi una muller poderosa, una muller única, un referente da liberdade e da igualdade para todas nós”, asegurou Carmela Silva, que rematou a súa intervención recitando os versos de Kruckenberg “A onde fun tornei a Vigo”.

Pola súa banda o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que lembrou que “as grandes homenaxes das grandes persoas supoñen sempre o seu renacemento, definiu a Kruckenberg como “unha grande amiga, unha muller excepcional, polifacética e cunha grande visión global. Era un acervo de cultura”. Caballero sinalou que a creadora marcou o desenvolvemento cultural de Galicia. “Tiña tanta personalidade que marcaba, era unha forza da natureza e cada vez que falaba con ela atopaba Vigo e era poesía en estado puro”. O alcalde anunciou tamén que Kruckenberg, “unha muller adiantada cen anos ao seu tempo”, terá proximamente un busto na rúa Rosalía, “tan preto doutra muller que como ela marcou a escrita galega sendo pilares da nosa cultura”, e que no ano 2026, cando se cumpra o centenario do seu nacemento, Vigo vivirá “unha enorme mobilización cultural porque celebraremos o ano de María do Carme Kruckenberg".

“Estou orgullosísima” recoñeceu unha emocionada Cristina Pusone Kruckenberg, filla da homenaxeada. “A miña nai era unha muller moi moderna para o seu tempo, moi pioneira na Galicia do século XX”, sinalou, ao tempo que puxo en valor o seu “amor enorme pola vida”. “Foi poeta desde que recordo, nalgunha parte está ela compartindo todo isto con nós” subliñou.

Pola súa banda o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, agradeceu ter recibido “da man da súa filla, Cristina, que hoxe nos acompaña, a doazón dunha colección de trinta carpetas con manuscritos e mecanoscritos da obra de Maria do Carme poucos meses despois do seu falecemento”. Neste eido, Puga subliñou que “esta circunstancia aguilloaba aínda máis á Fundación para cumprir o compromiso adquirido da difusión da súa figura e dos fondos doados, dos que unha parte escollida se presenta nesta mostra”.

Tralas intervencións e a música da saxofonista Blanca Represas, que interpretou as pezas “Partita in A Minor” de Bach, “Contradanza” de Paquito D´Rivera e “Alalá Camariñas”, a comisaria da mostra, Mercedes Queixas realizou un percorrido guiado pola exposición “Vivir, unha aventura irrepetíbel”. Trátase, como asegurou Queixas, “dun soño cumprido, dun  merecido e necesario recoñecemento no lugar de orixe, de vida e onde sempre quixo estar a poeta viguesa María do Carme Kruckenberg, “unha muller de sons e acordes cunha vida e unha obra marcada sempre pola liberdade”. É unha oportunidade para coñecela, recoñecela e descubrila”.

A obras de Kruckenberg abarca máis de vinte poemarios, escritos narrativos e traducións. Colaborou con revistas e diarios e foi vicepresidenta da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, sendo galardoada durante a súa traxectoria co Premio Alecrín, a Medalla de Galicia, a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro ou o título de Viguesa Distinguida.  A súa figura permanece intacta gracias á herdanza da súa produción literaria custodiada pola Fundación Penzol, da que boa parte poderá ser descuberta ata o 10 de novembro nesta mostra na sede da Deputación en Vigo.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.