A sede da Deputación en Vigo acollerá un recital poético para despedir a exposición de María do Carme Kruckenberg

Os versos de Silvia Penas, María Lado, Elvira Ribeiro e Miriam Ferradáns servirán de clausura o 9 de novembro ás 19:30 horas á mostra organizada coa Fundación Penzol

05/11/2022

Tras case un mes na sala Rosalía de Castro da sede de Vigo, a Deputación de Pontevedra despide por todo o alto este próximo mércores 9 de novembro a exposición sobre María do Carmen Kruckenberg “Vivir, unha aventura irrepetíbel”, organizada en colaboración coa Fundación Penzol. A despedida será a través do acto ‘Á sombra ergueita de María do Carme Kruckenberg’,  un recital poético de homenaxe á poeta viguesa a cargo de catro grandes voces da lírica galega actual: Miriam Ferradáns, María Lado, Silvia Penas e Elvira Ribeiro. Tamén participarán no acto a presidenta provincial, Carmela Silva, e o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga.

A mostra –que se pode seguir visitando na sede provincial ata o xoves 10 de novembro– está composta por 12 paneis informativos, 8 mesas expositoras con fondos de arquivo, bibliográficos e obxectos persoais da poeta e unha peza audiovisual de 20 minutos que recollen datos de relevancia sobre a autora e a súa obra. Isto foi posible grazas aos fondos da artista custodiados pola Fundación Penzol, que os recibiu en herdanza por expreso desexo da poeta a través da súa filla Cristina Pusone Kruckenberg en 2015, tralo seu falecemento. A mostra está comisariada pola docente e escritora Mercedes Queixas, que é autora do libro ‘Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg’ editado pola Editorial Galaxia en 2011.

A relación da autora coa súa cidade, Vigo, é un dos eixos centrais da exposición e tamén da súa obra, e seu máximo expoñente é o célebre verso “A onde fun, tornei a Vigo”. A súa obra literaria está composta por máis de 20 poemarios, escritos narrativos e traducións. Colaborou con revistas e diarios e foi vicepresidenta da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (foi a primeira muller no órgano de dirección deste colectivo, que por aquel entón xa agrupaba 150 persoas), sendo galardoada durante a súa traxectoria co Premio Alecrín, a Medalla de Galicia, a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro ou o título de Viguesa Distinguida.

As persoas que queiran asistir este mércores 9 de novembro ao recital que clausura a mostra poden confirmar a súa asistencia no correo electrónico participa.cultura@depo.gal.

Visitas escolares

Con esta exposición a Deputación de Pontevedra e a Fundación Penzol aliáronse para homenaxear o legado dunha figura fundamental da literatura galega do século XX e permitir que novas xeracións de rapazas e rapaces se acheguen a ela e a coñezan. De feito, para estes últimos días da mostra xa están confirmadas visitas do alumnado dos IES da Guía e Álvaro Cunqueiro.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.