A Deputación aproba o expediente para contratar a mellora da estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros
O presidente do organismo provincial, Luis López, recordou que as obras serán financiadas ao 80% pola Deputación, con preto de 1,4 millóns de euros, e o 20% restante polo Concello de Pontevedra
31/07/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno o expediente para contratar a mellora da estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido, cun investimento de máis de 1,7 millóns de euros. O presidente do organismo provincial, Luis López, recordou que as obras serán financiadas ao 80% pola Deputación, con preto de 1,4 millóns de euros, e o 20% restante polo Concello de Pontevedra.
"Trátase, tal e como informou este martes o vicepresidente provincial na visita que realizou a Tomeza, dunha actuación moi demandada pola veciñanza, que será pronto unha realidade", asegurou López. A mellora da estrada permitirá actuar de xeito integral nos primeiros 2.500 desta vía provincial, para garantir a súa funcionalidade e seguridade. Así, crearase unha senda peonil de 2,5 metros de ancho na marxe esquerda, para a mellora da mobilidade, xa que nestes momentos non existen nin beiravías, nin espazos adecuados para que as persoas transiten con seguridade. Ademais, en dous tramos proxéctanse dúas plataformas elevadas como zonas de convivencia de tráfico peonil e rodado.
A vía contará con novo firme e a senda e as zonas de convivencia serán pavimentadas con formigón coloreado. Tamén se executará unha cuneta de formigón para a drenaxe da vía e muros de contención, así como unha varanda de aceiro nos tramos da senda peonil onde existan desniveis perigosos. Ademais canalizarase o alumeado público, acondicionaranse as interseccións e dotarase á estrada de nova sinalización horizontal e vertical.
