Arrancan as obras de mellora da mobilidade que transformarán a rúa Lepanto de Ponte Caldelas

Os traballos, cun orzamento de 193.000€ financiados pola Deputación, permitirán actuar no tramo da estrada EP-0407 que transcorre polo casco urbano para convertelo nun espazo público de calidade

26/10/2022

Visita a Ponte Caldelas

A Deputación vén de iniciar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-0407, en Ponte Caldelas, que permitirán transformar a rúa Lepanto no casco urbano nun espazo público de calidade, ao abeiro do modelo seguro e sostible que promove a institución provincial. Estes traballos, que hoxe visitaron o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde Andrés Díaz, teñen un orzamento de 193.000 euros que serán financiados integramente pola institución provincial, xa que o 30% de aportación municipal prevista no convenio entre ambas  administracións asumirase cunha achega do Plan Concellos.

A actuación desenvólvese nun tramo de 225 metros (entre os PQ 8+775 e o PQ 9+000)  da citada estrada provincial no casco urbano (arranca na rúa Lepanto e continúa pola explanada do aparcamento do Centro de Saúde), e busca garantir a mobilidade peonil e a accesibilidade universal. O tramo da citada rúa deséñase con plataforma única, garantindo un ancho mínimo de 2,50 metros. Dende a intersección coa Avenida de Galicia (a rúa da Casa do Concello) ata o punto final da actuación habilitarase un espazo peonil con lousa de granito e bordo do mesmo material para que as persoas poidan camiñar tamén con seguridade. A zona quedará dotada con pasos de peóns elevados.

Os traballos complétanse con actuacións de xardinería, co soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións agora en aéreo, así como a execución dunha nova rede de alumeado con luminarias LED de alto rendemento. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.