Luis López confirma a aprobación do expediente para contratar por valor de preto dun millón de euros a mellora da seguridade viaria na estrada provincial Amoedo-Os Valos, en Pazos de Borbén

“Non foi doado chegar ata aquí, logo de moito tempo agardando a sinatura do convenio por parte do concello, pero o importante é que conseguimos activar o procedemento para executar estas obras que son unha demanda histórica da veciñanza de Pazos de Borbén”, manifestou o presidente

21/11/2025

Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de confirmar que a Xunta de Goberno do organismo provincial aprobou o expediente para contratar as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2702 Amoedo-OS Valos, en Pazos de Borbén, cun investimento de preto de un millón de euros.

"Trátase dun proxecto que tiña paralizado o anterior goberno provincial  que nós recuperamos e activamos", recordou Luis López quen remarcou que "non foi doado chegar ata aquí, logo de moito tempo agardando a sinatura do convenio por parte do concello, pero o importante é que conseguimos xa activar o procedemento para executar estas obras que son unha demanda histórica da veciñanza de Pazos de Borbén".

A actuación de mellora na estrada provincial EP-2702 Amoedo-Os Valos ten por finalidade optimizar a seguridade viaria entre os puntos quilométricos 6+550 e 7+980. Neste espazo vaise, entre outras cuestións, incrementar a sección da estrada, dotándoa de carrís máis amplos e beiravías. Tamén se mellorará o trazado da vía e executará unha cuneta transitable para mellorar a mobilidade peonil.

videos

audios