A Deputación aproba o proxecto para as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de Amoedo aos Valos, en Pazos de Borbén, dotado con preto de 1,5 millóns de €

Luis López explicou que a vía provincial, “moi empregada pola veciñanza e cun gran volume de tráfico de vehículos pesados”, se viu afectada polas chuvias de principios de ano, polo que é preciso repoñer o firme e a sinalización

13/11/2026

A Deputación aproba o proxecto para as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de Amoedo aos Valos, en Pazos de Borbén, dotado con preto de 1,5 millóns de €

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres o proxecto para proceder á mellora da seguridade viaria nun tramo de seis quilómetros da estrada que une Amoedo cos Valos, unha actuación que ten un orzamento próximo a 1,5 millóns de euros. O presidente provincial explicou que a necesidade de actuar nesta vía provincial, “moi empregada pola veciñanza e cun gran volume de tráfico de vehículos pesados”, xorde polos danos ocasionados polos episodios de chuvias dos meses de xaneiro e febreiro, polo que é preciso proceder á reposición do firme e da sinalización.

Desta maneira, o proxecto contempla a mellora da seguridade viaria e da funcionalidade da estrada ao longo de todo o treito de actuación, mediante o saneo e a renovación do firme, coa aplicación dunha nova capa de rodaxe que permitirá mellorar as condicións de circulación, aumentar a durabilidade do pavimento e facilitar o cruce de vehículos con maiores garantías de seguridade. Ademais, actuarase en dous puntos singulares do trazado coa construción de muros de contención que permitirán ampliar o radio das curvas, mellorar a visibilidade e optimizar a xeometría da vía.

A intervención completarase coa instalación de nove redutores físicos de velocidade para favorecer o calmado do tráfico nos puntos máis sensibles, así como coa renovación da sinalización horizontal e a mellora da vertical, adaptándoas á normativa vixente. Por último, colocaranse novas barreiras metálicas de seguridade nos puntos necesarios.

audios