A Deputación pon fin ás mesas de traballo para impulsar o primeiro Plan Estratéxico de Transformación Dixital da provincia

O deputado Ricardo Martínez reuniuse con representantes dos concellos para pechar o proceso participativo que comezou o 6 de outubro co obxectivo de deseñar a folla de ruta tecnolóxica da Deputación para o período 2027-2030

01/11/2026

A Deputación pon fin ás mesas de traballo para impulsar o primeiro Plan Estratéxico de Transformación Dixital da provincia

A Deputación de Pontevedra celebrou as últimas mesas de traballo que forman parte do proceso participativo para poñer en marcha o Plan Estratéxico de Transformación Dixital que está a elaborar a institución provincial, dotado de preto de 180.000 € para definir a folla de ruta tecnolóxica da provincia ata 2030. O documento recollerá as necesidades dos principais axentes da provincia e responderá aos retos que enfronta a administración local en canto ás tecnoloxías da información e da comunicación. Nestes últimos encontros, o deputado de Novas Tecnoloxías, Ricardo Martínez, reuniuse con representantes dos concellos da provincia tralas mesas de traballo celebradas ao longo deste mes de outubro coas diferentes áreas e servizos da Deputación, con representantes da cidadanía e tamén do tecido empresarial.

O obxectivo das mesas de traballo celebradas era coñecer as distintas realidades e concretar que apoios e solucións compartidas pode impulsar a Deputación de Pontevedra. Neste eido, Ricardo Martínez sinalou que a través destes encontros “buscamos incorporar a visión da Deputación, dos concellos, da cidadanía e do tecido empresarial, porque unha estratexia desta natureza só terá sentido se é capaz de responder as diferentes realidades da provincia e se incorpora as ideas dos diferentes actores”.

O deputado provincial destacou que o Plan Estratéxico de Transformación Dixital “non quere ser un papel nun caixón, senón un proceso útil que parta da realidade, das necesidades que existen e das distintas perspectivas das persoas que traballan cada día nos e cos servizos da Deputación”. Neste sentido, Martínez relatou algúns dos pasos que xa se deron para a redacción do plan, cunha fase de recompilación de información “a través de entrevistas, cuestionarios e análise documental, co obxectivo de ter unha primeira fotografía das necesidades e dos retos que presenta a transformación dixital”.

O Plan Estratéxico de Transformación Dixital da provincia de Pontevedra permitirá avanzar no deseño de servizos centrados na cidadanía, co obxectivo de reforzar a súa satisfacción coa administración local, pero tamén no posto de traballo dixital, na eficiencia na xestión dos trámites administrativos ou na automatización dos procesos e na implantación de solucións áxiles. O proceso de elaboración do plan contempla a análise da situación actual para determinar as necesidades de dixitalización na administración local da provincia, a análise de tendencias e de boas prácticas que desenvolven outros territorios en materia de transformación dixital, e a elaboración da estratexia con actuacións concretas para poñer en marcha na provincia.