Luis López anuncia que por vez primeira na historia da Deputación a provincia terá un mostrador propio na feira World Travel Market de Londres

O presidente avanzou que “entre o 4 e o 6 de novembro divulgaremos a oferta turística de Rías Baixas nun mercado, o británico, que é o segundo país emisor de turistas estranxeiros a Galicia”

24/10/2025

Conferencia de prensa de Luis López

Luis López acaba de anunciar en conferencia de prensa que por vez primeira na historia da Deputación a provincia terá un mostrador propio na feira World Travel Market (WTM) de Londres, unha das principais citas profesionais da industria turística mundial. O presidente do organismo provincial avanzou que “entre o 4 e o 6 de novembro divulgaremos a oferta turística de Rías Baixas nun mercado, o británico, que é o segundo país emisor de turistas estranxeiros a Galicia”.

López avanzou que coa presenza da Deputación de Pontevedra nesta feira británica preténdese “potenciar a visibilidade da provincia no mercado británico, xerar contactos profesionais con operadores turísticos, axencias de viaxes, compañías aéreas e medios especializados, reforzar a imaxe de Rías Baixas como destino turístico sostible, seguro e de calidade e reforzar a colaboración institucional con Turgalicia e Turespaña para seguir incrementando o turismo internacional na provincia”.

Cando volves? na Gran Vía de Madrid

Ademais de estar por vez primeira na feira WTM de Londres, a Deputación de Pontevedra tamén porá en marcha, por vez primeira, unha novidosa campaña de publicidade exterior na Gran Vía de Madrid que estará protagonizada polo premiado audiovisual Cando volves? A campaña, tal e como explicou o presidente provincial, poderá verse entre o 24 e o 30 de novembro no circuíto de pantallas dixitais desta famosa rúa madrileña e en edificios estratéxicos como o Capital ou o teatro Gran Vía, a carón dos que transitan cada semana 950.000 persoas e cada día 15.000 vehículos e 200 autobuses.

Workshops en Zaragoza e Barcelona

Ademais,  o presidente recordou que a próxima semana a promoción do destino Rías Baixas chegará a Zaragoza e Barcelona cos workshops turísticos. Serán o 29 de outubro no Mobility City Centro de Congresos de Zaragoza e o 30 de outubro en Casa Rius de Barcelona e neles 25 empresas da provincia reuniranse cun cento de axentes emisores xerando, en palabras do presidente, “oportunidades de negocio reais e de impacto inmediato”.

Xunto aos encontros profesionais terá tamén lugar unha presentación do destino Rías Baixas nun acto conducido pola xornalista Rocío Padín que contará coa actuación musical de Carolina Vázquez e cunha degustación gastronómica da man de Salmoira: o catering do mar.

“Con estas iniciativas -asegurou o presidente provincial- estamos contribuíndo a que esta provincia sexa un destino desestacionalizado, internacionalizado, sostible e de calidade e a impulsar Rías Baixas como nunca antes se fixera”.

videos

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.