A Deputación programa no Museo de Pontevedra un concerto de música contemporánea arxentina para homenaxear a Castelao

Vertixe Sonora presenta ‘140:Migratio#1’ o sábado 7 de novembro ás 18:00 h, nun concerto que todas as composicións serán estreas a nivel mundial

04/11/2026

A Deputación programa no Museo de Pontevedra un concerto de música contemporánea arxentina para homenaxear a Castelao

O Museo de Pontevedra programa este sábado 7 de novembro ás 19:00 h no Edificio Castelao un concerto de música contemporánea a cargo de Vertixe Sonora. Será a presentación do premiado proxecto ‘140:Migratio’, unha homenaxe a Castelao como símbolo da emigración e o exilio galego en Arxentina. Trátase dunha iniciativa desenvolvida conxuntamente por Icarus vs Muzak (Emilia Romagna, Italia), Vertixe Sonora (Galicia, España) e Mittel und Zweckel (Berlín, Alemaña) que promove o recoñecemento internacional da súa figura a través da música.

Compositores de orixe galega de catro países, moitos deles fillos, netos ou bisnetos da migración, únense para celebrar a figura de Castelao a través da música contemporánea, e con el, un éxito da integración que para tantos foi unha oportunidade de vida. Italia escapaba da pobreza rural, da inestabilidade política e das guerras de unificación; Galicia, do atraso crónico, da pobreza, da falta de oportunidades e, máis tarde, da persecución do franquismo.

O concerto no Museo de Pontevedra será o primeiro deste proxecto, a cargo de Vertixe Sonora. Nas próximas semanas de novembro, o proxecto chegará o xoves 19 á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, con Lucía Martínez; o domingo 22 de novembro ao Auditorio Martín Códax de Vigo, con Migratio Collective, e o 25 e 27 de novembro a Berlín e Reggio Emilia, de novo con Migratio Collective. En 2027 presentarase en Arxentina. Este proxecto foi galardoado co Premio EFFEA Springboard da Fundación Europea de Festivais para Artistas Emerxentes - EFFEA e o patrocinio dos Fonds Podiumkunsten dos Países Baixos.

Vertixe Sonora está formado por Guillermina Gallardo na voz, Pablo Coello no saxofón, Haruna Takebe e David Durán no piano e Diego Ventoso na percusión. No Museo interpretarán cinco temas de compositores contemporáneos arxentinos e todos eles son estreas mundiais que soarán por primeira vez en público. Son obras de Carlos Mastropiero, Beltrán González, José Manuel Serrano, Cecilia Pereyra e Luis Mechano.