A Deputación converte a Pontevedra na primeira cidade de España en acoller a conferencia anual sobre exposicións do Consello Internacional de Museos
A conferencia terá lugar no Museo de Pontevedra e reunirá preto de 150 profesionais de museos de todo o mundo do 19 ao 24 de setembro de 2027, coincidindo coa 33ª Bienal de Arte
08/10/2026
A Deputación converte a Pontevedra na primeira cidade de España en acoller a conferencia anual sobre exposicións do Consello Internacional de Museos. O Museo de Pontevedra será entre o 19 e o 24 de setembro de 2024 a sede da ICOM Exhibitions Annual Conference 2027, organizado polo comité de exposicións do Consello Internacional de Museos (ICOM), que reúne cada ano preto de 150 profesionais de museos e galerías de todo o mundo para intercambiar ideas e experiencias sobre exposicións museísticas. O acontecemento coincidirá coa última semana da 33ª Bienal de Arte, o que contribuirá notablemente á súa difusión internacional.
A designación do Museo de Pontevedra como sede produciuse onte durante a celebración da edición deste ano en Québec (Canadá). Deste xeito, Pontevedra convértese na primeira cidade de España en acoller este evento, que nos últimos 20 anos se celebrou en cidades como París, Viena, Chicago, Shanghai, Berlín, Cidade do Cabo, Milán, Río de Xaneiro, Xenebra ou Dubai.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, sinalou que “o feito de que Pontevedra sexa a primeira cidade de España en acoller esta conferencia é un motivo de orgullo, pero tamén unha demostración da transcendencia que ten o Museo de Pontevedra. Hai moito traballo detrás desta decisión e é importante recoñecelo: o Museo ten magníficas coleccións, pero tamén ten un equipo de profesionais cos que levamos anos traballando e facendo as cousas moi ben”.
Domínguez salientou que “para a Deputación, que 150 profesionais de prestixiosos museos e galerías veñan a Pontevedra é unha oportunidade extraordinaria. É tamén unha forma de trasladar, lonxe das nosas fronteiras, que en Pontevedra hai un Museo que merece a pena visitar”. O vicepresidente engadiu que “imos seguir apoiándoo, xerando sinerxías, investindo nel e poñendo en valor o traballo dos seus profesionais, porque o Museo de Pontevedra ten todo o necesario para seguir gañando presenza e prestixio fóra e para ocupar o lugar que lle corresponde no panorama museístico internacional.
O evento durará cinco días, con conversas, obradoiros e mesas redondas, ademais de visitas a museos e institucións culturais locais. O programa inclúe tamén un espazo onde produtoras e institucións presentan as súas exposicións itinerantes dispoñibles para aluguer, ademais de momentos de networking e reunións bilaterais entre profesionais.
A xunta directiva de ICOM Exhibitions elixiu a candidatura do Museo de Pontevedra valorando especialmente a traxectoria do Museo, a importancia das coleccións, o traballo de investigación e a difusión e relevancia no noso contexto. Tamén se valorou a experiencia na organización de congresos nacionais e internacionais e os equipamentos dispoñibles no Museo. Outro aspecto favorable foi o apoio institucional que supón ser un museo público, dependente da Deputación de Pontevedra. Por último, tívose en conta o atractivo cultural de Pontevedra e a súa contorna.
O ICOM (International Council of Museums ou Consello Internacional de Museos) é unha organización non gobernamental fundada en 1946, con sede en París, que reúne profesionais e institucións do ámbito museístico de todo o mundo. Constitúe a principal rede internacional de museos e traballadores de museos e actúa como órgano consultivo da Unesco en materia de patrimonio cultural. Actualmente está presente en 141 países.
ICOM Exhibitions é o Comité Internacional para as Exposicións do ICOM. Creouse en 1980. O seu obxectivo
é servir de foro global para o intercambio de ideas, experiencia e información sobre o desenvolvemento, a
circulación e o intercambio de exposicións entre museos e galerías de todo o mundo.