A Deputación e a Academia de Belas Artes dedican ao fotógrafo José Suárez unha xornada no Museo de Pontevedra
‘Novas miradas sobre José Suárez’ celebrarase o 29 de outubro, con conferencias de Carlos Bernárdez, Menchu Lamas, Miguel Anxo Seixas e Cristina Echave e a estrea dun documental realizado por Xurxo Lobato
26/10/2026
A Deputación e a Real Academia Galega de Belas Artes homenaxean este xoves 29 de outubro no Museo de Pontevedra ao fotógrafo José Suárez, ao que se lle dedica este ano o Día das Artes Galegas. A xornada ‘Novas miradas sobre José Suárez’ reunirá catro conferencias para analizar diferentes aspectos da súa faceta creativa, ademais de información sobre como se recuperou o seu legado. Ademais, estrearase o documental ‘José Suárez, a mirada humanista’, dirixido por Xurxo Lobato, que é tamén coordinador desta xornada.
‘Novas miradas sobre José Suárez’ desenvolverase no Edificio Castelao de 16:30 a 20:30 h, con acceso libre. O crítico de arte Carlos Bernárdez será o encargado de abrila cun relatorio sobre as relacións entre as fotografías da serie “Mariñeiros”, que José Suárez tomou entre 1935 e 1936 e os debuxos de Maruja Mallo do seu ‘Caderno de Bueu’, realizados no verán de 1936. A artista plástica Menchu Lamas falará a continuación da imaxe da muller nas fotos de Suárez, mentres que Miguel Anxo Seixas relacionará o xeito de ollar Galicia que tiña o fotógrafo de Allariz comparándoo coa visión do país que atopamos na obra da estadounidense Ruth Matilda Anderson.
Cristina Echave, conservadora do Arquivo gráfico do Museo de Pontevedra, dedicará a súa conferencia a analizar o proceso de recuperación, catalogación, conservación e difusión da colección fotográfica de José Suárez que custodia o Museo. Este labor contextualízase no movemento de recuperación do patrimonio fotográfico galego iniciado a finais dos anos setenta e consolidado durante a década seguinte. Tamén abordará a investigación desenvolvida para identificar e reconstruír un conxunto de fotografías que permanecía disperso nos fondos do Museo.
A xornada péchase coa estrea do documental ‘José Suárez, a mirada humanista’. Esta obra audiovisual dirixida por Xurxo Lobato achégase á vida e obra do fotógrafo galego máis universal a través das voces de Xosé Luis Suárez Canal, Manuel Sendón, Juan Manuel Bonet, Mónica Carabías, Carlos Bernárdez, Acisclo Manzano, Xabier Casares, José Luis Castro de Paz, Cristina Echave, Manuel Quintana Martelo e Cristina Cid.
A obra fotográfica de José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974 caracterízase por unha ollada moderna, reflexiva, afastada do folclorismo e próxima ás correntes europeas máis innovadoras. A súa figura é un referente artístico galego de dimensión internacional e o seu traballo sitúase no eido do fotodocumentalismo, pero sempre cunha mirada profundamente humanista. Tal e como el mesmo afirmaba: "No meu traballo sempre está o home ou, polo menos, a súa pegada”.
Suárez estaba dotado dunha fonda formación intelectual e pensamento liberal e republicano. Formou parte do exilio provocado polo golpe de Estado de 1936 contra a República e a democracia. Ademais, foi cineasta e editor de tres libros: ‘50 fotos de Salamanca’, con prólogo de Miguel de Unamuno (1932), ‘Nieve en la cordillera’ (1942) e ‘The Life & Death of the Fighting Bull’ (1967), con texto de John Marks. Relacionouse con figuras destacadas da cultura coma Miguel de Unamuno, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Luis Seoane, Rafael Alberti ou Akira Kurosawa, entre outras.
