A Deputación fará vibrar este martes o público de Cangas de Morrazo coas actuacións das bandas Nacho · Faia · Lar e Alana no marco das Festas do Cristo
Os espectáculos terán lugar nas naves de Ojea a partir das 22:00 horas no marco de +Música, un programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
23/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este martes 25 de agosto a Cangas de Morrazo un dobre espectáculo musical para seguir celebrando as súas Festas do Cristo da man das bandas Nacho · Faia · Lar e Alana. Os espectáculos están financiados a través da nova edición de +Música, un programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e mais fomentar a lingua e a cultura galegas. Terán lugar un a continuación do outro a partir das 22:00 horas nas naves de Ojea.
O primeiro grupo en actuar da man do +Música este martes será Nacho · Faia · Lar, formado por tres artistas referentes da vangarda musical galega: Nacho Muñoz (Igmig) ao piano e eléctrónica, Faia Díaz (FAIA, de Vacas) na voz e Lar Legido (Sumrrá) na batería. “De não saber o que me espera” é o nome que dá título a este proxecto musical de nova creación con talento galego de recoñecida traxectoria no ámbito da música tradicional e experimental. A súa proposta que afonda na figura e repertorio do cantante portugués Zeca Afonso desde unha perspectiva transgresora e contemporánea, ofrecendo unha visión renovada da súa obra.
A festa continuará da man de Alana, formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O seu proxecto musical mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop partindo das recollidas, un traballo feito coa colaboración de moitas mulleres que desinteresadamente contribúen a preservar a riqueza da música e da tradición. “O xeito á cántigha” é o seu primeiro disco, tomado dunha das recollidas de Dorothé Schubarth recompiladas no Cancioneiro Popular Galego Delfina de Cerceda. No seu primeiro ano de vida foron gañadores do Premio Xuventude Crea na categoría de música, gañadores do concurso de bandas do Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, finalistas como mellor proxecto de folk nos Premios da música galega Martín Códax e semifinalistas como mellor álbum en galego nos Premios MIN.
Estes espectáculos son unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.