A Deputación destina 124.000 euros para poñer en valor a contorna da Rapa das Bestas de Sabucedo

Trátase dunha iniciativa enmarcada no Plan de sostibilidade turística do destino Deza-Terra de Montes, que conta cun orzamento total de 2 millóns de euros dos fondos NextGenerationEU

05/04/2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba o convenio de colaboración co Concello da Estrada para a poñer en valor o recurso ecosistémico da Rapa das Bestas, cun orzamento de 124.000 euros. Trátase, tal e como explicou o presidente da institución provincial, Luis López,  de renaturalizar a carballeira do Campo do Medio de Sabucedo, unha iniciativa enmarcada no Plan de sostibilidade turística do destino Deza-Terra de Montes, que conta cun orzamento total de 2 millóns de euros dos fondos NextGenerationEU.

“Por vez primeira realizamos esta acción para apoiar unha das celebracións máis icónicas da provincia, unha experiencia 100 % Rías Baixas e unha das festas máis senlleiras, declarada de interese turístico internacional”, remarcou Luis López. A través desta iniciativa vaise poñer en valor este recurso ecosistémico a carón do curro de Sabucedo, recuperando os valores ecolóxicos e creando un lugar que lles permita ás persoas visitantes e usuarias gozar da contorna todo o ano. Para iso vaise rexenerar a carballeira, cubrir as raíces das árbores, adecuar as pendentes para evitar escorrentías, repoñer valados de madeira, mellorar a zona de acampada e instalar un miradoiro no Curuto.

A actuación enmárcase no Plan de sostibilidade turística do destino Deza-Terra de Montes que, ademais da Estrada, inclúe os concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Forcarei. No caso da renaturalización da carballeira do Campo do Medio de Sabucedo, trátase dunha das prioridades do Concello da Estrada establecidas no proceso participativo levado a cabo para redactar o plan.