A Deputación estrea este venres unha nova edición do ciclo Conversas con arte cunha conferencia a cargo de Alberto Barreiro
A conferencia do artista pontevedrés terá lugar ás 19:30 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial coa presenza do vicepresidente Rafa Domínguez, e tamén poderá seguirse por streaming a través de www.depo.gal
20/04/2025
A Deputación de Pontevedra estrea o próximo venres 25 de abril a segunda edición do ciclo Conversas con arte cunha conferencia na que participará o artista pontevedrés Alberto Barreiro. O encontro terá lugar ás 19:30 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial, coa presenza do vicepresidente Rafa Domínguez. Deste xeito, Alberto Barreiro toma a remuda de Gervasio Sánchez, José María Barreiro, Antón Pulido e César Antonio Molina, protagonistas dos encontros da primeira edición do ciclo en 2024.
“Conversas con arte” é unha aposta persoal de Domínguez que, a través do Museo de Pontevedra, quere difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden tanto na provincia como no conxunto de Galicia. Faino poñendo en valores grandes personalidades vencelladas a diferentes movementos e que naceron ou teñen relación coa provincia. A conferencia de Alberto Barreiro, que será un dos participantes na Bienal de Arte de Pontevedra, poderá seguirse por streaming a través do sitio web da Deputación de Pontevedra, www.depo.gal, e será gravada para poder emitirse posteriormente en formato vídeo e pódcast a través das plataformas YouTube e Spotify.
Alberto Barreiro presentará en Conversas con arte o proxecto “Máquinas de Invocar”, un proxecto artístico que transforma a Intelixencia Artificial nunha ferramenta poética capaz de cultivar significado e afondar na conexión humana, resignificando a tecnoloxía como creadora e beleza e sentido. Barreiro, estratega ademais de artista, leva máis de tres décadas explorando a creación e o cultivo de significado a través da arte, o deseño, o emprendemento, a educación e a consultoría estratéxica.
Formouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e traballou en organizacións como Yahoo!, a canle de televisión británica ITV ou o Grupo Prisa, e desenvolveu metodoloxías innovadoras de combinación de arte, deseño e tecnoloxía a través de proxectos propios como “Webjam” ou “Meaning”. É Director de Transformación Creativa en VML The Cocktail, codirector do programa “Become” en Kaospilot (Dinamarca), profesor de Deseño Estratéxico no Instituto de Empresa e Elisava (Facultade de Deseño e Enxeñería de Barcelona), e colaboración en El País Retina.