Luis López anuncia unha nova edición do programa que concederá ata 10.000 euros a 232 asociacións da provincia, a través dun investimento de 2,1 millóns de euros
“Novamente esta convocatoria superou as nosas propias expectativas e reflexa que había unha necesidade entre o movemento veciñal, que era ignorada polo anterior goberno da Deputación e nós estamos a atender porque somos conscientes do papel protagonista que ten no desenvolvemento do noso territorio”, subliñou o presidente
14/11/2025
Se a pasada semana o goberno provincial concedía a primeira das tres liñas de axudas deste ano ao tecido asociativo provincial, o +Novaqua, con 340.000 €, esta semana é a quenda do Plan Provincia Comunitaria. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar a concesión de máis de 2,1 millóns de euros para 232 entidades da provincia ao abeiro desta iniciativa que “novamente superou as nosas propias expectativas”.
“Había unha necesidade entre o movemento veciñal, que era ignorada polo anterior goberno da Deputación e nós estamos a atender porque somos moi conscientes do papel protagonista que ten no desenvolvemento do noso territorio”, subliñou o presidente quen informou que se presentaron á convocatoria 301 asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia. Delas, tal e como indicou López, 232 entidades de 48 concellos cumprían todos os requisitos da convocatoria e serán beneficiarias destes recursos provinciais que ascenden a 2,1 millóns de euros.
En liñas xerais, as axudas oscilan entre 6.000 e 10.000 euros por entidade e, con estes elas, o movemento veciñal e asociativo da provincia poderá acondicionar os seus locais e acometer obras de mellora térmica, impermeabilización, climatización, accesibilidade, eficiencia enerxética ou de rehabilitación, así como adquirir equipamentos informáticos, audiovisuais, máquinas e elementos para ximnasios e cociñas ou mellorar parques infantís e mercar mobiliario.
