A Deputación convoca unha nova edición dos premios de xornalismo e opinión #MulleresQueOpinan
A institución provincial repartirá 2.000 euros aos mellores artigos de opinión en galego e castelán sobre a experiencia de asistir ao foro As mulleres que opinan son perigosas, que terá lugar o 14 e 15 de marzo, ou sobre as temáticas que se traten nel
08/03/2025
A Deputación de Pontevedra convoca a terceira edición dos premios #MulleresQueOpinan, unha actividade complementaria ao foro As mulleres que opinan son perigosas, que chega este ano á súa oitava edición os días 14 e 15 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra, reunindo unha representación de mulleres xornalistas que exercen desde o ámbito local ata o internacional. As bases da nova convocatoria xa se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia, e repartiranse dous premios de 1.000 euros ao mellor artigo escrito por mulleres en galego e ao mellor en castelán, que xiren arredor da experiencia de asistir ao encontro ou sobre as temáticas que nel se aborden.
Os artigos deberán contar cun titular e un corpo cunha extensión máxima de 3.000 caracteres, espazos non incluídos. Poderanse presentar tanto pezas inéditas como de xornalistas que publiquen contidos sobre as xornadas nos medios para os que traballan. As mulleres participantes deberán acreditar co propio texto a asistencia, tanto de xeito virtual como presencial ao encontro, e presentar artigos orixinais que non infrinxan dereitos de terceiras persoas. Ademais do premio en metálico, os artigos publicaranse nos principais xornais da provincia de Pontevedra. As interesadas poderán presentar dous artigos, un en cada categoría, pero só poderán resultar vencedoras nunha delas. O prazo de presentación de solicitudes será do 17 de marzo ao 8 de abril do presente ano.
Á hora de valorar os traballos o xurado terá en conta a calidade do traballo, a perspectiva de xénero, a defensa dun xornalismo feminista, a mención ao foro e o uso de linguaxe inclusiva. O xurado, que poderá contar coa presenza e asistencia de persoas expertas, estará composto por persoal da Deputación e do Concello de Pontevedra, así como as xornalistas Susana Pedreira e Diana Varela, organizadoras do encontro, e as gañadoras da anterior edición do premio, Antía Yáñez e María Piñeiro, que ademais serán as encargadas dos primeiros relatorios do foro o venres 14.
O programa da oitava edición de As mulleres que opinan son perigosas continúa o venres con Noelia Adánez, coordinadora da sección de Opinión no diario Público; Aida Bao Pena, xornalista da Cadena SER; Inés Martín Rodrigo, xornalista e escritora do grupo Prensa Ibérica e RNE; e Anna Bosch, correspondente de TVE. Ao día seguinte, sábado 15 de marzo, celebraranse os relatorios de María Hermida, xornalista de La Voz de Galicia; Macarena Baena, responsable de EFE Feminista; Blanca Lacasa, xornalista e escritora; Raquel Rosa, xornalista da Radio Galega; Ana Marcos e Elena Reina, integrantes do equipo de investigación de abusos no cinema de El País; Olga Rodríguez, xornalista especializada en dereitos humanos de elDiario.es; e María Escario, xornalista de TVE xa xubilada.
Os premios #MulleresQueOpinan forman parte da campaña Malabares ata cando?, coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres (8 de marzo) a necesidade dunha corresponsabilidade real para que as mulleres non teñan que sacrificar as súas carreiras ou o tempo que poden dedicarse a si mesmas por mor dos coidados. Arredor desta campaña a institución provincial está a desenvolver ao longo de todo este mes preto dunha vintena de actividades, entre elas un concurso escolar, exposicións, obradoiros de sensibilización, actividades formativas ou foros de debate.