A Deputación aproba o novo convenio de colaboración coa Xunta e coa FEGAMP para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais

A institución achega para 2024 máis dun millón de euros, o 40 % do orzamento total. A Xunta de Galicia proporciona o 52,5 % e os concellos, o 7,5 % restante

30/01/2024

Rolda de prensa de Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a prórroga do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES) da provincia. En concreto, a Deputación achegará para o ano 2024 o 40 % do orzamento total, que supón 1.088.000 euros, mentres que a Xunta proporcionará o 52,5 % e os municipios, o 7,5 % restante.

Entre as principais novidades, tal e como explicou o presidente da Deputación, Luis López, o convenio recolle o incremento do financiamento, xa que este ano cada un dos GES recibirá 40.000 euros máis que o pasado e pasarase dos 280.000 € de 2023 aos 320.000 €. Ademais, crearase un subgrupo de emerxencias de seis membros no Grove. “Unha petición que o Concello levaba tempo facendo, que vimos de facer realidade”, explicou o presidente provincial, e que contará cun financiamento anual de 160.000 euros. Ademais, este ano iguálase o financiamento dos servizos municipais de Ponteareas e Sanxenxo ao dos GES, co que cada un deles pasará dos 155.000 aos 320.000 euros.

Na actualidade, os grupos de emerxencia supramunicipais existentes na provincia de Pontevedra son os da Estrada, Lalín, Mos, A Guarda, Ponteareas, Sanxenxo e a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, aos que se une este ano o subgrupo do Grove.

videos

audios