A Deputación reivindica na Guarda as voces literarias do pasado e o presente da provincia nun novo encontro do ciclo Mulleres de Palabra(s)

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abriu na Casa dos Alonso unha conversa e recital ofrecido polas escritoras Lara Dopazo, Andrea Fernández Plata e Guada Guerra baixo a condución da xornalista Susana Pedreira

22/04/2025

novo encontro do ciclo Mulleres de Palabra s

A Deputación de Pontevedra celebrou este martes na Casa dos Alonso, na Guarda, o segundo encontro do ciclo Mulleres de Palabra(s), co que a institución provincial está a reivindicar por toda a provincia, a través de obradoiros, recitais e conversas, a palabra das escritoras do pasado da man de quince escritoras actuais que contan o mundo con perspectiva de xénero. No encontro da Guarda, unha mestura de recital e conversa que foi introducido pola deputada de Igualdade, Sandra Bastos, e conducido pola xornalista Susana Pedreira, participaron as escritoras Lara Dopazo, Andrea Fernández Plata e Guada Guerra.

Sandra Bastos lembrou que este ciclo, que forma parte do programa Ateneo pola Igualdade, “dirixe as nosas olladas ás escritoras e ás súas palabras para poñelas en valor e construír referentes, co obxectivo de que as nenas e mozas teñan espellos nos que mirarse”. A través destes encontros, que terán lugar ao longo de seis meses durante este ano, “centrámonos na poesía, na narrativa e no bordado de palabras que nos seducen á vez que nos fan reflexionar”. A deputada de Igualdade da Deputación enmarcou esta iniciativa no “traballo que estamos a desenvolver desde o organismo provincial para acadar a igualdade real e efectiva, visibilizando referentes e fomentando o coñecemento para reducir as fendas de xénero”.

Mulleres de palabra(s) arrancou en marzo en Vigo co gallo do Día da Poesía cunha conversa entre Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta. O programa continuará o 22 de maio en Sanxenxo con “Escribir para as máis novas”, no que participarán Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Eva Mejuto. En xuño terán lugar dous obradoiros, un en Pontevedra, de man de Diana López Varela, e outro na Lama, con Maritza Berttolini, e en setembro un terceiro da man de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero. O ciclo rematará o 13 de outubro, Día das Escritoras, cunha conversa no Pazo provincial na que participarán Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.