O Ciclo Mestre Mateo volve coa proxección da película “Cuñados” en cinco concellos da provincia

As sesións terán lugar este venres, día 9, e o sábado 17 en espazos culturais de Poio, Forcarei, Redondela e Cambados, tras o seu recente paso polo concello de Ponteareas

08/09/2022

O Ciclo Mestre Mateo, que promoven conxuntamente a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, celebrará este venres, día 9 e o sábado 17 a súa quinta sesión coa proxección nos concellos de Poio, Forcarei, Redondela e Cambados da película “Cuñados”, finalista en 13 categorías nos XX premios Mestre Mateo: mellor longametraxe, mellor dirección, mellor guión, mellor interpretación feminina e masculina de reparto ou mellor interpretación masculina protagonista entre outras. O ciclo, que busca dotar ós concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, exhibirá tamén este ano o resto das películas premiadas e finalistas dos Mestre Mateo 2022, polo que amais de “Cuñados” proxectaranse outras películas coma “Tres”, a galardoada como mellor longametraxe, e as outras  finalistas “Jacinto” e “Malencolía”.

A proxección de “Cuñados”  terá lugar mañá venres 9 de setembro ás 20h no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Poio, e o sábado 17 as 18h no Multiusos de Soutelo de Montes en Forcarei. Tamén o día 17 poderase ver esta longametraxe no Multiusos da Xunqueira de Redondela a partir das 19.30h e as 20.30h no Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados.

“Cuñados” conta a historia de Eduardo e o seu cuñado Sabonis que acaban de meter a zoca nun dos seus negocios e precisan moitos cartos. Será Sabonis quen atope a solución ao problema, secuestrando a Modesto, cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar un euro polo seu cuñado. Así e todo, é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a bodega familiar. Unha produción de Portocabo dirixida por Toño López.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.