A Deputación aproba o expediente para contratar a obra de mellora da accesibilidade na Vía da Prata ao seu paso polo Concello de Silleda, cun orzamento de 195.500 €

A actuación terá lugar na estrada provincial EP-6511 A Bandeira-Piñeiro, ao seu paso polo núcleo de Bandeira, onde se acometerá unha senda peonil e mellorará o firme

18/11/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar a obra de mellora da accesibilidade na Vía da Prata ao seu paso polo Concello de Silleda, cun orzamento de 195.500 euros. En concreto, a actuación, enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística do Destino Deza-Tabeirós, que conta cun orzamento total de 2 millóns de euros dos fondos NextGenerationEU, consistirá na execución dunha senda peonil e en traballos do firme nun tramo da estrada provincial EP-6511 A Bandeira-Piñeiro ao seu paso polo núcleo da Bandeira.

A mellora da mobilidade e da seguridade desta estrada conseguirase cunha senda peonil para que as persoas que camiñan por esta vía, sexan peregrinos ou veciños da zona, poidan facelo por un espazo diferenciado, seguro e exclusivo para o seu uso. A senda situarase na marxe dereita da estrada entre a intersección coa nacional e o punto quilométrico 0+167 e contará cun ancho de 2,5 metros en formigón. Ademais, na marxe esquerda executarase un tramo de cuneta de seguridade.

A obra completarase con fresado e extensión dunha capa de rodaxe e reposición do firme nas zonas de ampliación. Ademais executarase unha rede de recollida de augas pluviais, canalizaranse as redes de baixa tensión e telefonía, renovarase a rede de alumeado con novas luminarias, reporanse muros e instalaranse elementos de calmado do tráfico e nova sinalización horizontal e vertical.

O principal obxectivo desta actuación é acadar mellores condicións de mobilidade e seguridade, cunha ruta máis segura e atractiva para o tránsito peonil, así como reducir as emisións de dióxido de carbono na vía a través da súa humanización. Nestes momentos, esta estrada conta con dous carrís de circulación, cun ancho de plataforma variable, sen beirarrúas nin beiravías e con escasa visibilidade.