Avanzan a moi bo ritmo as obras de emerxencia nas estradas de Campañó e Belesar e impulso definitivo á transformación integral da estrada de Almofrei

O Pleno da Deputación arranca co Manifesto polo 8 de marzo, no que a maxistrada do Tribunal Constitucional María Luisa Balaguer reclama a unidade do movemento feminista

24/02/2023

A lectura do Manifesto polo 8 de marzo

A lectura do Manifesto polo 8 de marzo, redactado pola maxistrada do Tribunal Constitucional María Luisa Balaguer Callejón, e un minuto de silencio con motivo do primeiro aniversario da guerra en Ucraína, atendendo así á petición da Federación Española de Municipios e Provincias, precederon ao Pleno celebrado pola Deputación. O Manifesto polo Día Internacional da Muller fixo este ano unha apelación directa á unidade do movemento feminista, evitando divisións que debiliten a loita, e alertou contra a “cousificación” do corpo das mulleres como os intentos de legalizar as maternidades subrogadas ou a tolerancia social coa prostitución. A lectura do texto da maxistrada do Constitucional estivo a cargo da xefa do servizo de Igualdade, Lucía Muradas.

Xa durante a sesión plenaria, deuse a coñecer que as obras de emerxencia para a volver poñer en servizo as estradas provinciais de O Vao-Campañó (Pontevedra) e Sabarís-Belesar (Baiona), que sufriron importantes danos tralos temporais de choiva dos pasados meses, avanzan a moi bo ritmo. O Pleno provincial coñeceu as resolucións presidenciais polas que se adxudicaron estas dúas actuacións, que totalizan 235.000 euros euros. Un Pleno no que tamén se aprobou o proxecto para a gran obra integral de mobilidade peonil na estrada de Almofrei (Cerdedo-Cotobade) cun orzamento de 946.599 euros e o procedemento administrativo para ofertar as últimas 19 parcelas dispoñibles do polígono de Barro.

A estrada de Campañó, que sufriu un colapso da calzada o 16 de xaneiro no punto quilométrico 0+620 está a ser obxecto de obras para reforzar a súa base e mellorar a drenaxe das augas pluviais que baixan do monte da Tomba. As obras adxudicáronse de inmediato cun orzamento provisional de 150.000 euros e estimouse un prazo de execución de dous meses. As últimas previsións apuntan á apertura provisional do tráfico, mentres continúan os traballos, dentro de dúas ou tres semanas.

Os temporais deixáronse tamén notar na estrada Sabarís-Belesar, onde os servizos de Inspección da Deputación detectaron signos de afundimento da beirarrúa na marxe esquerda, no punto quilométrico 0+550. Na visita técnica comprobouse que a base do muro de mampostería existente na beira do río Groba tiña cedido por efecto das enchentas e das augas pluviais. A Deputación acordou realizar tamén obras polo procedemento de emerxencia para inicialas de inmediato. O orzamento para calzar e reforzar o muro de contención e reparar a beirarrúa foi estimado en 85.000 euros e o prazo de execución en tres meses.

O Pleno provincial tamén aprobou, por unanimidade, o proxecto para a gran obra que a Deputación vai realizar na estrada provincial de Almofrei, así como do expediente de expropiacións das tres propiedades que o Concello non foi quen de poñer a disposición. Unha actuación moito máis ambiciosa que o proxecto aprobado en 2015, xusto antes das eleccións Municipais, polo anterior Goberno provincial e que consistía nun simple asfaltado que non encaixaba no modelo de mobilidade integral que caracteriza ao actual Goberno provincial  e que, ademais, carecía de varios informes sectoriais preceptivos. Así dos 608.679 euros daquel proxecto inadecuado dende o punto de vista da seguridade viaria pásase a unha actuación integral que roza o millón de euros. Concrétase así unha obra que a Deputación leva impulsando dende o ano 2020, pero que estivo parada ata que, xa en xuño de 2022, o Concello confirmou a imposibilidade de obter tres parcelas e solicitou a súa expropiación. Continuouse entón a tramitación coa aprobación do convenio por ambas partes. O proxecto transformará, deste xeito, a totalidade do trazado dunha estrada de 1,5 Km  que nace no cruce de Xesteira coa estrada autonómica  e remata en “fondo de saco” en Almofrei. Inclúe dúas zonas sobreelevadas de convivencia entre o tránsito peonil e rodado, con prioridade para as persoas, así como unha senda peonil que discorre pola marxe dereita a partir do punto quilométrico 0+380 e cunetas tendidas na primeira parte do trazado. Garántese así a continuidade peonil en condicións de  seguridade e calidade.

Por outra banda o Pleno aprobou, tamén por unanimidade, o procedemento para sacar ao mercado as últimas 19 parcelas dispoñibles no polígono industrial de Barro, que totalizan 68.541 metros cadrados. Deste xeito, a Deputación culmina este gran proxecto destinado a promover o desenvolvemento económico e social da provincia nun polígono que conta cun total de 76 parcelas en medio millón de metros cadrados. As empresas interesadas poden optar por adquirir as parcelas ou constituír un “dereito de superficie” por un prazo mínimo de 5 anos e máximo de 25 anos. Terán tamén a posibilidade de aprazar os pagos ata 10 anos. O prezo das parcelas é de 119,79 euros por metro cadrado, IVE incluído.

Galerias de imaxes