A Deputación de Pontevedra inicia este sábado un obradoiro de bordado de palabras na Lama
Trátase dunha actividade enmarcada no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade, que será impartida por Maritza Berttolini na Fundación Ofir Vida
05/06/2025
A Deputación de Pontevedra pon en marcha este sábado 7 de xuño un obradoiro de bordado de palabras enmarcado no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo Provincial pola Igualdade. A acción leva o título de "Bordando Historias", será impartida pola bordadora Maritza Berttolini e contará con dúas sesións, este sábado en horario de 11:00 a 13:00 horas e o próximo 5 de xullo en horario a escoller, ou de 11:00 a 13:00 horas ou de 17:00 a 19:00horas. A deputada provincial Sandra Bastos será a encargada de abrir este taller que conta con 15 prazas e para o que é preciso inscribirse a través de participa.igualdade@depo.es.
"Bordando Historias" será un espazo no que explorar e descubrir o bordado como unha ferramenta narrativa para reinterpretar a palabra escrita a través deste. Nel proporase un exercicio de representación a través do fotobordado e da composición téxtil para reflexionar sobre a identidade e a importancia de mulleres destacadas e/ou elixidas para o obradoiro. Impartirao Maritza Berttolini, artista téxtil mexicana e residente en Pontevedra que se dedica a trasladar o seu mundo imaxinario cheo de fantasía e cor á súa arte, utilizando para iso as técnicas do bordado, tapiz de man e tufting.
Mulleres de Palabra(s) é unha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra na que as protagonistas son as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. Durante seis meses o programa está a reivindicar a palabra das escritoras do pasado e de 15 escritoras actuais da nosa provincia a través de conversas, lecturas e recitais, ademais de obradoiros de lectura a través da poesía, da narrativa e do bordado de palabras.