A Deputación inicia esta semana 13 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Ata 245 veciños de sete concellos comezarán esta semana actividades relacionadas coa ximnasia de mantemento, cociña saudable, canto popular, bailes de salón, restauración de mobles e pilates
11/10/2026
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, entre o martes 13 de outubro e o sábado 17, comezarán 13 novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 245 veciños de sete concellos da provincia: A Estrada, A Guarda, Ponteareas, Silleda, Tui, Vigo e Vila de Cruces.
Desta maneira, este martes 13 de outubro un grupo de 15 persoas da Asociación Érguete (A Guarda) comezan un curso de ximnasia de mantemento para persoas maiores; outro de 20 persoas da Asociación de Veciños da Feira de Cabral (Vigo) un de cociña saudable e nutritiva e outro grupo de 15 persoas da Asociación Banda de Música Popular de Tui un de pandeireta e canto popular.
O mércores 14 de outubro 19 persoas da Asociación Ciudadana de Lucha contra la droga (Vigo) inician un curso de bailes de salón; 16 persoas da Asociación Cultural Vista Alegre de Bandeira (Silleda) outro de restauración de mobles e tapicería; 19 integrantes da Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei (A Estrada) un obradoiro de cociña saudable e nutritiva e un grupo de 18 persoas da Asociación Veciñal-Cultural Cortegada (Silleda) de pandeireta e canto popular.
O xoves 15 de outubro 22 persoas da Asociación de Veciños de Beade (Vigo) iniciarán un curso de cociña saudable e nutritiva e xa o venres 16 darán comezo tres cursos: dous en Vigo (20 persoas da Asociación de Veciños de San Pedro de Sárdoma inicia un de pilates e 25 da Asociación de Veciños Praza da Miñoca outro de cociña saudable e nutritiva) e un en Vila de Cruces (15 integrantes da Asociación de Veciños Santa Margarita de Loño comeza un obradoiro de ximnasia de mantemento). Finalmente o sábado 17 de outubro 20 persoas da Asociación Veciñal Manduas (Silleda) comezan un curso de restauración de mobles e tapicería e outros 21 integrantes da Asociación de Veciños de San Vicente e Canedo (Ponteareas) un de cociña saudable e nutritiva.
A Deputación ofertou neste 2026 un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa divididos en seis bloques temáticos ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’, ‘Redeir@s’ e ‘Cerebro activo’. Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 210.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 160 entidades de 44 concellos da provincia.