A Deputación inicia esta semana tres novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo

Preto de 50 veciños do Campo Lameiro, Mos e Tui comezan esta semana actividades relacionadas co deporte e a saúde

21/11/2026

A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, entre o martes e o xoves, 24 e 26 de novembro, preto de 50 veciños do Campo Lameiro, Mos e Tui comezan tres novas accións formativas relacionadas co deporte e a saúde.

O martes 24 de novembro preto de 20 persoas da Casa Santa María de La Esperanza Esclavas de la Virgen Dolorosa de Mos comezan un obradoiro de pilates. Pola súa banda o xoves 26 de novembro 15 persoas da Asociación Veciñal de Fragas, do Campo Lameiro, inician unha acción formativa relacionada con plantas medicinais e outras 15 persoas da Asociación Cultural San Fins de Rebordanes, de Tui, unha de bailes de salón.

A Deputación ofertou neste 2026 un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa divididos en seis bloques temáticos ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’, ‘Redeir@s’ e ‘Cerebro activo’. Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 210.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 160 entidades de 44 concellos da provincia.