O Museo de Pontevedra programa obradoiros infantís en Semana Santa sobre ilustración botánica e José Suárez
O sábado 28 de marzo terá lugar o taller sobre o fotógrafo ao que se lle dedica o Día das Artes Galegas, e o martes 31 de marzo e o mércores 1 de abril os de ilustración
16/03/2026
O Museo de Pontevedra programa varios obradoiros infantís para a Semana Santa, co obxectivo de achegar a nenas e nenos de ata 12 anos propostas creativas relacionadas coas coleccións do Museo e figuras recoñecidas da arte galega. Serán o sábado 28 e o martes e mércores da semana de Pascua e a inscrición abre esta mesma semana.
Este mércores 18 de marzo ás 10:00 h a través da web do Museo abrirá a inscrición aos obradoiros de ilustración botánica que se van desenvolver o martes 31 de marzo e xoves 1 de abril, de 11:30 a 13:30 h no Edificio Castelao. Son dúas sesións independentes dirixidas a nenos e nenas de 7 a 12 anos nos que a ilustradora infantil Chus Rojo traballará a súa ollada artística e ensinará a debuxar plantas e motivos florais para elaborar un caderno botánico, co obxectivo de familiarizarse con especies de flora locais, as súas estruturas, cores e formas, podendo identificalas ademais de debuxalas. Para iso, empregaranse os cadros e obxectos do mobiliario do museo así como flores reais, debuxando o que vemos cunha perspectiva creativa propia.
Obradoiro sobre José Suárez
E o venres 20 de marzo abre tamén o prazo para inscribirse a través de Whatsapp no teléfono 617340323 ao obradoiro creativo sobre José Suárez con motivo do Día das Artes Galegas. Desenvolverase o sábado 28 de marzo de 2026, de 11:30 a 13:00 no Edificio Castelao. Taller Abierto imparte este achegamento a biografía, imaxes e ollo artístico de José Suárez, nun exercicio creativo que mestura plástica e etnografía.
A través dun percorrido polos lugares que visitou e polos personaxes que retratou, será posible achegarse ao seu universo visual e á súa maneira única de contar historias coa cámara. No obradoiro analizaranse algunhas das súas fotografías máis emblemáticas para aprender conceptos básicos de composición e recoñecer algúns dos trazos máis característicos do seu estilo cinematográfico: personaxes que non miran á cámara, planos contrapicados ou a presenza de obxectos que axudan a explicar o modo de vida das persoas retratadas.
