As Ruínas de San Domingos abren ao público desde este domingo ata o 31 de outubro
O máis antigo edificio do Museo de Pontevedra abre de martes a sábado en horario de mañá e tarde e os domingos e festivos só de mañá
12/03/2026
A Deputación de Pontevedra volve abrir este domingo as Ruínas de San Domingos, o máis antigo dos sete edificios que conforman o Museo de Pontevedra. As Ruínas abrirán do 15 de marzo ao 31 de outubro. O horario de apertura é de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h. Os domingos e festivos abren só de mañá, de 11:00 a 14:00 h, e os luns permanecen pechadas.
No 2025, preto de 124.000 persoas pasaron polas Ruínas de San Domingos converténdose no edificio máis visitado do Museo de Pontevedra. Está previsto que, ademais da visita libre que comeza este mesmo domingo, se organicen visitas guiadas ao recinto a partir do mes de xuño.
As ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade de Pontevedra. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.
