Luisa Sánchez lamenta que o Concello de Vigo exclúa á Deputación das obras dos colectores de Balaídos e insta a buscar a fórmula que permita cofinanciar o investimento
A vicepresidenta informou de que o procedemento escollido polo goberno local, que encargou a actuación á concesionaria Aqualia, impide á administración provincial destinar fondos ao traslado destas tubaxes de saneamento
22/05/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, lamentou este venres que o Concello de Vigo teña excluído á institución provincial das obras necesarias para recolocar os colectores de Balaídos, unha actuación imprescindible para a posterior ampliación de capacidade do estadio.
En rolda de prensa, a representante provincial explicou que a fórmula escollida polo goberno local para trasladar esas tubaxes de saneamento, a través do plan de investimentos da concesionaria Aqualia, impide á Deputación artellar unha canle administrativa para cofinanciar a actuación dado que a achega económica provincial tería como destino o abaratamento do custe dunha concesión municipal, que ademais xa se financia a través do recibo da auga. Segundo advirten os servizos técnicos provinciais, a única vía posible para participar nesta mellora pasaría por abrir un contrato independente pero, tal e como recoñeceu Luisa Sánchez, esa alternativa dilataría uns tempos xa de por si apertados.
Nesta liña, a vicepresidenta asegurou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, enganou á cidade dando a entender nun inicio que sería o propio Concello quen contrataría e pagaría a obra, o cal permitiría a sinatura dun convenio entre administracións. Con todo, finalmente delegou a actuación nunha concesionaria. Aínda que valorou positivamente que esta fórmula acurte tempos para cumprir as esixencias da FIFA, Luisa Sánchez amosou a súa contrariedade porque “isto nos exclúe do financiamento, en contra dos nosos desexos”.
Malia que o Concello de Vigo non remitiu o proxecto á Deputación, a representante provincial insistiu novamente no desexo da Deputación de Pontevedra de cofinanciar os investimentos necesarios no estadio de Balaídos no marco da candidatura viguesa ao Mundial 2030, dando así continuidade á reforma da bancada de Gol. Porén, advertiu que “o Concello non nos dá opción”. “Ou quizás non quere que financiemos esta obra porque prefire explotar o seu relato vitimista, mentindo sobre as nosas intencións”, apuntou.
“A pregunta é… ¿isto é casual? Temo que non o sexa. Temo que Abel Caballero nos excluíu desta obra de xeito intencionado. Temo que manobrou para que non poidamos ser parte desta reforma. Leva 19 anos intentando expulsar de Vigo á Xunta e agora intenta expulsar de Vigo á Deputación”, sinalou.
Procurar as canles axeitadas
Ante o desexo da Deputación de achegar fondos para as obras necesarias en Balaídos no marco da candidatura de Vigo ao Mundial 2030, a vicepresidenta pediu ao Concello de Vigo que procure todas as fórmulas legais posibles para que a institución provincial poida cofinanciar os traballos de retroceso destes colectores. “Tal e como está articulado non é viable”, incidiu.
Así mesmo, no relativo ao aínda inexistente proxecto de ampliación da capacidade do estadio, instou ao rexedor local, Abel Caballero, a non “repetir a xogada para logo vender o falso titular de que a Deputación non quere investir en Vigo”. “A proba do noso compromiso son os 47 millóns de euros comprometidos para a cidade desde que son vicepresidenta provincial. A proba é que estamos pagando a metade da reforma de Balaídos, que é imprescindible para acoller o Mundial. O que precisamos é un encaixe administrativo”, finalizou.
