A Deputación instalará unha pantalla xigante nas rúas de Pontevedra para poder seguir este domingo o partido entre o Pontevedra CF e o Betis

A iniciativa, xurdida para dar resposta “ás múltiples demandas da cidadanía”, “reflicte o compromiso da Deputación coa cidade e co deporte” e ten por obxectivo “amosar o apoio ao Pontevedra CF neste primeiro partido do soñado ascenso”, asegurou Rafa Domínguez

22/05/2024

Pantalla xigante nas rúas de Pontevedra para poder seguir o partido entre o Pontevedra CF e o Betis

A Deputación de Pontevedra instalará unha pantalla xigante nas rúas de Pontevedra para poder seguir este domingo o partido entre o Pontevedra CF e o Betis, que se disputará en Sevilla ás 17.00 horas. Así o confirmou esta mañá o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez quen remarcou que a iniciativa, xurdida para dar resposta "ás múltiples demandas da cidadanía", "reflicte o compromiso da Deputación coa cidade e co deporte" e ten por obxectivo "amosar o apoio ao Pontevedra CF, neste primeiro partido do soñado ascenso".

"A Deputación ten aberta unha canle de comunicación e un proceso de escoita activa que nos fai diferentes a outras administracións e nos obriga a dar respostas directas", remarcou Domínguez quen asegurou que, ademais, a institución provincial "está moi implicada co seu contorno e con todo o que sucede na provincia e máis intimamente na cidade de Pontevedra". Deste xeito, detallou que desde o pasado domingo foron moitas as solicitudes que se formularon ao Goberno provincial para instalar unha pantalla xigante nas rúas de Pontevedra para poder seguir o partido da fase de ascenso do Pontevedra CF.

"Daremos resposta ás demandas da cidadanía", afirmou Rafa Domínguez, e "farémolo desde a colaboración co Concello de Pontevedra e a lealdade institucional". Neste eido, o vicepresidente provincial informou que a Deputación de Pontevedra está pendente de que o Concello lle indique o lugar "idóneo" para colocar a pantalla, asegurando a comodidade e seguridade de todos os asistentes, e que "poidamos ver xuntos ese primeiro partido de ascenso deste club fundamental para a cidade e para toda a provincia, prestándolle, así, todo o noso apoio e soporte para conseguilo".

audios