Luis López salienta os fitos da Deputación no Ano Castelao coa pasarela dos traxes inspirados na súa obra e a viaxe a Arxentina para expoñer “A Derradeira Lección” no Museo

O presidente provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, asiste ao desfile de 43 traxes tradicionais de Galicia elaborados polo colectivo Sete Espadelas no Pazo provincial

20/11/2025

Luis López na pasarela Traxes de Castelao

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ve na celebración no Pazo provincial do desfile de traxes tradicionais galegos recollidos na obra de Castelao organizado pola asociación etnográfica Sete Espadelas este xoves no Pazo provincial unha mostra do compromiso do organismo provincial coa protección e divulgación da cultura e da tradición galegas, co apoio ao tecido cultural e co recoñecemento e posta en valor da figura e o legado de Castelao. "Esta é unha casa amiga da cultura, unha casa amiga dos colectivos e unha casa que defende, coida e divulga con orgullo a súa historia e raíces", afirmou o mandatario provincial, nun acto no que tamén participou o deputado de Cultura, Jorge Cubela.

No vestíbulo e salón de plenos do Pazo provincial, a asociación etnográfica Sete Espadelas presentou unha exposición de traxes tradicionais galegos dun xeito singular, cun desfile de 43 traxes elaborados polos integrantes do colectivo inspirados de xeito fidedigno nas diferentes clases sociais pertencentes aos séculos XVIII e XIX de Galicia. Unha colección que xa o intelectual de Rianxo recolleu nos seus debuxos para retratar o carácter e identidade da sociedade galega. "Sete Espadelas, con esta exposición, demostra a súa sensibilidade, o seu coñecemento e o seu valor como referencia para a protección e divulgación da nosa cultura", defendeu o presidente.

A acollida desta pasarela amplía o abano de actividades promovidas pola Deputación con motivo do 75 aniversario do falecemento de Castelao. Unha efeméride que o goberno provincial redondeará coa exposición por primeira vez na historia do Museo provincial da obra cumio de Castelao, "A derradeira lección do mestre", unha pintura cuxa cesión pechará o presidente Luis López a vindeira semana nunha viaxe institucional a Arxentina para asinar o acordo co Centro Gallego de Bos Aires, titular dunha peza cuxo debuxo orixinal forma parte dos fondos do Museo de Pontevedra, a institución que garda a maior colección de Castelao.

"Culminaremos este merecido recoñecemento a Castelao a vindeira semana, cunha viaxe institucional a Bos Aires para traer por primeira vez a Pontevedra a súa obra mestra", anunciou o mandatario provincial despois de enumerar outras iniciativas da Deputación como a convocatoria do primeiro Premio Castelao para a produción de textos teatrais ou as visitas guiadas ao Museo para afondar na súa obra.

Galerias de imagenes