#CULTURA
Pasarela de traxes de Castelao
Coa efeméride do Ano Castelao 2025, no que se conmemoran os 75 anos da morte do recoñecido persoeiro da nosa cultura, desde a Deputación de Pontevedra, e coa colaboración da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, organízase unha pasarela de traxes tradicionais inspirados nas pinturas e debuxos de Castelao, unha escolma duns corenta traxes de diferentes clases sociais dos séculos XVIII e XIX e de distintas comarcas de Galicia que constitúen un testemuño fiel dunha época, dunha paisaxe e dun xeito de vivir que servirá para reivindicar a nosa indumentaria e o seu papel como patrimonio inmaterial e para promover a posta en valor, a conservación e a difusión do traxe tradicional galego.
A indumentaria foi dos primeiros elementos que Castelao incorporou como elemento identitario na caracterización social dos seus personaxes para a composición das escenas en debuxos e pinturas. Estes traxes foron estudados e confeccionados con rigor, respectando os patróns antigos, os tecidos e os enfeites, polas persoas integrantes da asociación da provincia de Pontevedra Sete Espadelas, colectivo de referencia no mundo do traxe tradicional galego.
O acceso será libre, mais é necesario confirmar a asistencia en protocolo@depo.gal