Os orzamentos provinciais de 2026 incluirán unha partida de 1,8 millóns de euros para que as entidades deportivas da provincia acometan melloras nas súas instalacións

O Plan de Equipamentos ProDeporte sufragará o cen por cen das obras ata un importe máximo de 50.000 euros e subvencionará a adquisición de equipamento ata 10.000 euros

27/10/2025

Luisa Sánchez

Os orzamentos provinciais elaborados polo goberno da Deputación de Pontevedra de cara ao exercicio 2026 incluirán unha nova partida de 1,8 millóns de euros para que clubs e asociacións deportivas acometan melloras nas instalacións das que son titulares ou utilizan a través dunha cesión. Así o anunciou este luns a vicepresidenta e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, durante un encontro mantido na sede de Vigo con diferentes entidades deportivas da provincia.

O Plan de Equipamentos ProDeporte contemplará dúas liñas de axudas e os solicitantes poderán elixir a cal delas se adhiren. A liña 1 contempla subvencións para obras de mellora das propias instalacións -mediante reformas ou novas actuacións- que poden chegar ao cen por cen do custo cun importe mínimo de 5.000 euros e un máximo de 50.000 euros. A liña 2 está destinada á adquisición de equipamento inventariable - porterías, canastras, marcadores...- cun importe mínimo de 1.000 euros e un máximo de 10.000 euros.

“A Deputación dá inicio a un ambicioso programa que vén a complementar o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que xa contempla 8 millóns para os concellos, e os convenios específicos coas grandes cidades, que destinan fondos para instalacións deportivas a petición dos gobernos locais. Abarcamos así todas as frontes e damos resposta ás vosas necesidades dun xeito integral e transversal”, valorou Luisa Sánchez ante as máis de 20 entidades deportivas de Vigo e a súa área metropolitana que acudiron a esta primeira reunión convocada para dar a coñecer o novo Plan de Equipamentos ProDeporte.

As entidades beneficiarias destas subvencións deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia e ser titulares das instalacións ou dispoñer dunha cesión formalizada por un mínimo de 5 anos. Do mesmo xeito, deben ter alo menos un equipo en activo nunha competición oficial. Non son susceptibles de concorrer a esta convocatoria as federacións deportivas, os organismos oficiais, as administracións públicas, as entidades con ánimo de lucro, as entidades educativas e as fundacións.

“Ter unhas instalacións axeitadas significa garantir a igualdade de oportunidades, porque sen espazos dignos e seguros non hai práctica deportiva posible”, proseguiu Luisa Sánchez, quen animou a tramitar canto antes os proxectos e as licencias administrativas necesarias.

Para a vicepresidenta, estas novas liñas de axudas “ratifican o compromiso desta Deputación co deporte”. “Somos a provincia do deporte. Estou orgullosa de exercer neste mandato como responsable desta área, que é primordial e estratéxica para este goberno. Estamos moi contentos por realizar este anuncio. Seguimos investindo na provincia e seguimos impulsando o deporte”, concluíu.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.