A Deputación pon á disposición dos concellos da provincia os 8 millóns de euros do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

Con estes recursos provinciais os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán impulsar novas instalacións deportivas, modernizar e mellorar as existentes, dotar de equipamento estes espazos ou adquirir terreos para uso deportivo

06/10/2025

A Deputación de Pontevedra abre este luns 6 de outubro e ata o 5 de xaneiro do 2026 o prazo para que os concellos soliciten os recursos postos á súa disposición dentro da terceira convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Dotado de 8 millóns de euros, ao igual que a segunda convocatoria, os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poderán empregar estes recursos para subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivos ou a súa cuberta, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes, a dotación de equipamento e material para estes espazos ou tamén a adquisición de terreos para uso deportivo.

O terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas forma parte do paquete de plans de investimento posto en marcha polo executivo provincial, e dotado coa cifra histórica de 128 millóns de euros que recibirán os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Ademais del, tamén repite o Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra (con 35 millóns de euros, ao igual que na súa primeira convocatoria) e mais o Plan +Provincia, que acada a cifra récord de 50 millóns de euros e que adiantará o acceso á liña 1 de investimentos correspondente á anualidade do ano 2027, dotado de 35 millóns de euros. O goberno da Deputación decidiu reeditar o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para garantir que os concellos poidan cumprir co deber de manter os espazos deportivos en condicións de seguridade, salubridade e accesibilidade, tendo en conta a súa contribución ao fomento de hábitos de vida saudables entre a poboación e o impacto do sector do deporte na dinamización das contornas.

Os 8 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas repártense entre unha parte fixa de 75.000 euros que recibirán automaticamente todos os concellos, ata un total de 4.425.000 euros (o 55% do orzamento). Os 3.575.000 euros restantes, que se corresponden coa parte variable, serán repartidos entre os concellos. Este importe farase público dentro dos 10 días hábiles seguintes á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, e estará en todo caso suxeito á poboación de cada municipio.

As achegas do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva, e permitirase financiar máis dun proxecto por concello. O importe mínimo dos proxectos sufragados será de 20.000 euros no caso de obras e de 6.000 euros no caso de subministracións, e serán compatibles tanto con outros plans de investimento da Deputación (como, por exemplo, o Plan +Provincia) como con subvencións doutras administracións públicas.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.