O Plan +Provincia da Deputación destina este ano preto de 8 millóns de euros aos concellos da contorna de Arousa

Son 600.000 euros máis que os recursos destinados pola institución provincial aos concellos da contorna de Arousa en 2023

04/01/2024

Os concellos de Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa recibirán este ano preto de 8 millóns de euros a través do Plan +Provincia da Deputación, o que supón 600.000 euros máis que os recursos destinados pola institución provincial a estes concellos o pasado ano, no que recibiron 7,4 millóns de euros. O presidente Luis López remitiulles este mércores 3 de xaneiro unha carta ás alcaldesas e aos alcaldes, tanto destes coma dos restantes concellos de menos de 50.000 habitantes que se benefician do +Provincia, na que se detallan os recursos que lles corresponden e as principais novidades do plan, cuxa convocatoria se publicou tamén este mesmo mércores no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) logo de ser aprobado no último pleno de 2023. A partir de agora, os concellos terán tres meses para presentar as solicitudes.

O plan, elaborado conforme aos principios de reforzo da capacidade inversora, maior autonomía local e atención aos retos comúns de futuro, pretende, tal e como remarcou o presidente na carta remitida aos concellos, “avanzar conxuntamente nun modelo de cooperación e lealdade institucional que permita desenvolver as múltiples potencialidades da provincia”. Con este obxectivo, neste 2024 o plan de obras e servizos da Deputación incrementou a súa dotación en 4,2 millóns de euros, ata alcanzar os 48,2 millóns de euros, que se distribuirán entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través de catro liñas. A primeira delas, dotada con 33,74 millóns de euros, vai destinada a investimentos; a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns, para a activación do emprego; e a cuarta e novidosa liña, dotada con 1,2 millóns, para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.

No caso dos concellos da contorna de Arousa, os 7.992.129 euros que recibirán os seus concellos permitirán destinar ata 5,6 millóns de euros a novos investimentos; 663.347, a gasto corrente; 1,5 millóns, a fomentar o emprego; e preto de 200.000, a proxectos transformadores relacionados coa mobilidade. Para facilitar a xestión dos recursos, o Plan +Provincia permite flexibilizar o traspaso de crédito entre liñas, de tal forma que poderá traspasarse o 100 % das liñas 2,3 e 4 á liña 1; ata o 60 % da liña 3 á liña 2; e entre o 30 % e, con carácter extraordinario, ata o 50 % da liña 1 á liña 2 de acordo cos requisitos establecidos nas bases publicadas o pasado mércores no BOPPO. Ademais, tamén se incorpora por vez primeira o criterio de reto demográfico para ponderar o impacto do envellecemento e a perda de poboación nos últimos dez anos.

En concreto, Cambados recibirá 1.049.443 euros, 68.431 máis que o pasado ano; Catoira 480.899 euros, 34.927 máis que en 2023; O Grove 909.417 euros, 83.385 máis que no ano que acaba de rematar; A Illa de Arousa 498.061 euros, 46.105 euros máis; Meaño 569.605 euros, 29.098 máis con respecto ao ano pasado; Meis 555.066 euros, 38.796 máis que en 2023; Pontecesures 425.209 euros, 38.830 euros máis; Ribadumia 532.879 euros, 26.330 euros máis; Valga 619.609 euros, o que supón 33.569 máis con respecto ao ano anterior; Vilagarcía de Arousa 1.482.114 euros, 82.993 euros máis; e Vilanova de Arousa 869.827 euros, 79.133 máis que en 2023.