A Deputación porá en marcha unha rede de comercio local e produto de quilómetro cero en oito concellos da provincia

Creará unha plataforma, cun orzamento de 230.000 euros, que chegará a comerciantes e hostaleiros de Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro

22/09/2023

Luís López

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno o expediente de contratación para poñer en marcha unha plataforma entre negocios que ten por finalidade a captación, titorización, dinamización, visibilización e formación,  sensibilización e interconexión de axentes do comercio local con produtores locais e provedores de servizos afíns para crear a rede de comercio local nos concellos de Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro. “A dinamización e a promoción económica da provincia é un dos nosos grandes obxectivos”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López, que incidiu en que “se queremos construír unha terra de oportunidades para todos, na que se xeren postos de traballo e dinamice a economía, debemos apostar polos sectores produtivos”.

Esta plataforma, que conta con orzamento de 230.000 euros e se pon en marcha ao abeiro do proxecto “Da túa man” (rural), financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, é “unha aposta innovadora, tanto no enfoque como no desenvolvemento da mesma, que contribuirá a unha mellora da produtividade do comercio e da hostalaría nos concellos, creando vínculos comerciais e estreitando e fortalecendo as relacións de subministración”, explicou o presidente provincial. Ademais, configurarase como unha comunidade de aprendizaxe, permitindo compartir coñecementos e experiencias que contribúan a mellorar a produtividade, incrementar as vendas e engadir valor aos produtos e servizos.

A plataforma, tal e como detallou Luis López, contará con dúas partes: unha parte pública, dixital, que permitirá á cidadanía acceder aos contidos xerados: mapa, da provincia coas diferentes experiencias, información medio ambiental, etc., e unha parte privada á que terán acceso os comerciantes e hostaleiros dos concellos mencionados, e na que poderán interactuar e establecer relacións comerciais os axentes implicados, compartir experiencias e información e dispoñer de titoriais de expertos, entre outros.

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.