O vicepresidente da Deputación presenta o proxecto “Da túa man” (rural II), que transformará o comercio en 11 concellos da provincia

O programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros dos fondos Next Generation, desenvolverase na Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa

18/10/2023

reunión Da túa man no rural II

Apoiar a actividade comercial e a hostalería local en zonas rurais da provincia de Pontevedra é o obxectivo do programa “Da túa man” (rural II), que o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e deputado de Promoción Económica, Rafa Domínguez, lles presentou hoxe aos 11 concellos nos que se vai desenvolver o proxecto. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, financiados na súa totalidade pola Unión Europea con fondos Next Generation, beneficiará os concellos da Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.

“Xa dixemos desde o principio que neste Goberno provincial pensabamos traballar con firmeza para impulsar iniciativas, programas e proxectos encamiñados cara ao desenvolvemento económico da provincia”, explicou o vicepresidente, ao tempo que remarcou que ese é precisamente o obxectivo deste proxecto, que busca “que o comercio de proximidade teña máis capacidade para inxectar e crear emprego, riqueza e prosperidade nos concellos”. Por iso, Domínguez agradeceu a participación dos municipios incluídos nesta nova iniciativa de promoción do comercio e o seu “traballo conxunto para desenvolver estas accións”.

Rafa Domínguez explicou que a finalidade do proxecto “Da túa man” (rural II), que foi aprobado pola Xunta de Goberno da Deputación a principios de outubro, é visibilizar e modernizar o pequeno comercio local e “estar ao carón do sector, para que ese comercio e hostalería, fundamental para que os vosos concellos sigan vivos, siga existindo”. Tamén busca “crear vínculos en toda a cadea de valor do comercio local e produto de quilómetro cero”, grazas ao emprego das novas tecnoloxías, ás prácticas que promoven a economía circular e unha mellora e acondicionamento dos espazos.  

Ao abeiro de “Da túa man” (rural II) deseñaranse e lanzaranse dúas campañas de comunicación en medios dixitais para animar a xente a que merque no comercio local; farase accesible a contorna comercial coa dotación de prazas de aparcamento para persoas con discapacidade; instalarase sinalética integrada, illas ecolóxicas e dispositivos para reciclar residuos especiais; deseñaranse bolsas e mochilas sostibles; porase en marcha unha rede de comercio retallista con produtos locais e provedores; e formarase tanto as e os comerciantes como a cidadanía en diferentes materias. 

Galerias de imaxes