Pleno en #FotoÁgora, que outorga por unanimidade os 40.000 euros en premios sobre os espazos públicos da provincia

Os nomes das persoas galardoadas daranse a coñecer a semana próxima logo de desencriptar os códigos das imaxes e de facer as comunicacións oficiais

18/03/2022

Xurado do certame #FotoÁgora  

O xurado de #FotoÁgora, o primeiro certame de fotografía sobre o espazo público, emitiu hoxe o seu fallo definitivo escollendo por unanimidade a totalidade dos 32 premios, dous principais, un premio por cada un dos principios Ágora, e  20 accésit, que se repartirán os 40.000 euros consignados.

Unha vez seleccionadas as imaxes -nomeadas con códigos-, o departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación está nestes momentos a desencriptar a identificación das persoas autoras. Feita a asignación ás fotógrafas e fotógrafos, realizarase a comunicación oficial do premio de maneira telefónica por parte do deputado de Mobilidade Uxío Benítez e daranse a coñecer os nomes publicamente.

Segundo explicou o responsable nacionalista , o fallo do xurado xurde despois de varios debates e reunións nas que de xeito consensuado e participado se foron seleccionando as mellores imaxes de entre as 297 presentadas por parte de 62 persoas. No anterior encontro o xurado pasara á final unha escolma de 66 fotografías entre as que hoxe se escolleron as premiadas.

“Temos que dicir que estamos moi contentos e satisfeitos co nivel de fotografías que se presentaron a esta iniciativa de #FotoÁgora, que está enmarcada na Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público, co obxectivo por parte da Deputación de promover e difundir os valores Ágora dentro da provincia dun xeito gráfico e ameno como é a fotografía”, apuntou Benítez.

“Dalgunha maneira coa transmisión destas mensaxes imos difundir a nosa filosofía Ágora, que as persoas son as protagonistas do espazo público”, dixo, lembrando os principios Ágora aos que se lle asignaron as imaxes premiadas:  O espazo público é un dereito das persoas; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable.

Segundo explicou Benítez, a Deputación organizará unha gala na que entregará os premios ( un primeiro de 6.000 euros, un segundo premio de 4.000 euros e 2.000 euros para as dez imaxes que corresponden a cada un dos principios, ademais doutros 20 accésit con 500 euros cada un). Entón, apuntou o nacionalista, farase unha avaliación da iniciativa, que se pretende repetir nos vindeiros anos “para contribuír a difundir a necesidade de que o espazo público sexa para as persoas e que debemos incrementar o espazo público”

O tribunal dos premios estivo formado pola presidenta da Deputación –e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, a xefa do servizo de Arquitectura Carmen Gómez, o asesor en Mobilidade Jesús Fole, e Lucía Pazos –funcionaria do departamento de Mobilidade- como secretaria.

Galerias de imaxes