A Deputación destina 780.000 euros a políticas sociais para os concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna do Salnés

Os recursos enmárcanse no Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e nas Axudas básicas de emerxencia que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da institución provincial

13/01/2024

Os concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna do Salnés recibirán ata 780.000 euros para facerlle fronte a políticas sociais. Os recursos enmárcanse no Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e nas Axudas básicas de emerxencia (ABE) para 2024, que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, e contan cun orzamento global de 3,7 millóns de euros.

En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos servizos sociais comunitarios, a Deputación pon a disposición destes concellos 659.000 euros. Destes recursos, 250.000 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do servizo de axuda no fogar (SAF), mediante o cal se atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, e 409.000 euros a cubrir os custos do persoal dos servizos comunitarios. En concreto, A Illa de Arousa poderá recibir ata 32.195 euros, Cambados 69.385 €, Catoira 28.694 €, Meaño 69.757 €, Meis 44.596 €, O Grove 79.306 €, Pontecesures 35.038 €, Ribadumia 36.654 €, Sanxenxo 101.683 €, Valga 57.346 € e Vilanova de Arousa 104.248 €.

No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as ABE, o Goberno provincial pon a disposición dos concellos da contorna do Salnés 110.500 euros para que poidan atender as demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, A Illa de Arousa poderá beneficiarse de ata 7.800 euros, Cambados de 12.800 €, Catoira 9.300 €, Meaño 11.800 €, Meis 9.300 €, O Grove 13.300 €, Pontecesures 9.300 €, Ribadumia 11.800 €, Sanxenxo 13.800 €, Valga 11.800 € e Vilanova de Arousa 13.800 €.

As ABE destinaranse a alimentación, vivenda subministracións básicas, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento da reparación e mantemento de vehículos, pagamento de lentes, lentes de contacto e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atencións de carácter complementario e axudas para adquisición de roupa e calzado, de estudo e de apoio á infancia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.