A Deputación abre o prazo para solicitar unha das 3.000 prazas da nova edición do programa Lecer en Familia para desfrutar de estancias na provincia

As estadías deberán ter lugar entre o último trimestre deste ano e o primeiro de 2027, nunha noite de fin de semana, períodos non lectivos ou vésperas de festivos nun hotel da provincia

31/03/2026

A Deputación de Pontevedra abre este mércores 1 de abril, e ata o vindeiro día 15, o prazo para solicitar unha das preto de 3.000 prazas do programa Lecer en Familia, que volve poñer á disposición das familias con menores ao seu cargo estadías dunha noite con actividades socioculturais na provincia. O programa busca crear tempo de lecer de calidade para propiciar o benestar das familias, ademais de impulsar a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

As estadías deberán ter lugar entre o último trimestre deste ano e o primeiro de 2027, nunha noite de fin de semana (venres ou sábado), períodos non lectivos ou vésperas de festivos nun hotel da provincia de Pontevedra. As familias terán á súa disposición un catálogo de establecementos hoteleiros de tipo balneario, talaso ou spa, e hoteis de zonas urbanas ou rurais, con réxime de media pensión.

Das 2.957 prazas ofertadas 50 serán en réxime especial, subvencionadas pola Deputación ao 100%. As prazas do réxime xeral recibirán axudas que oscilan entre os 60 euros para as persoas maiores de 12 anos e os 30 euros para as de entre 3 e 12 anos, sendo de balde para os menores de 3 anos.

Os establecementos que participan nesta edición de Lecer en Familia son Hotel Nuevo Astur & Spa 3* (Sanxenxo), Hotel Carlos I Silgar 4* (Sanxenxo), Gran Talaso Hotel Sanxenxo 4* (Sanxenxo), Hotel Spa Nanin Playa 3* (Sanxenxo), Hotel Spa Bosquemar 3* (O Grove), Hotel Castro do Balneario 4* (Cuntis), Hotel Bienestar Moaña 4* (Moaña), Hotel Coia 4* (Vigo), Hotel Sercotel Tres Luces 3* (Vigo), Hotel Pazo O Rial 4* (Vilagarcía de Arousa), Hotel Val Convention 3* (Nigrán) e Hotel Restaurante Pontiñas 3* (Lalín).