A Deputación abre este martes 7 de abril o prazo para solicitar as dúas liñas de axudas para o fomento do turismo, que ascenden a 180.000 €
Trátanse das axudas dirixidas ao fomento do turismo deportivo, dotadas con 100.000 €, e ao impulso de actividades turísticas, cun orzamento de 80.000 €
06/04/2026
A Deputación de Pontevedra abre mañá o prazo para solicitar dúas liñas de axudas para o fomento do turismo que ascenden a 180.000 €. En concreto, xa se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases para as axudas para o fomento do turismo deportivo, dotadas con 100.000 euros, e as das axudas para actividades turísticas, cun total de 80.000 €. En ambos casos, o prazo de solicitude será dun mes desde a súa apertura mañá.
Máis polo miúdo, as axudas para o fomento do turismo deportivo, que se concederán por concorrencia competitiva, permitirán seguir impulsando eventos deportivos que contribúan á proxección turística do territorio, que este ano tense convertido no eixo central da campaña de Rías Baixas. Deste xeito, a través destas axudas, das que o pasado ano se beneficiaron 24 entidades de 15 concellos para poñer en marcha iniciativas como marchas cicloturísticas, carreiras nocturnas, travesías a nado, probas BTT e trails, regatas ou eventos como a Gladiator Race, o organismo provincial concederá ata 5.500 € por entidade para facer fronte a gastos de organización ou do alugueiro de espazos, vehículos, mobiliario ou equipos técnicos.
Ademais, as axudas para actividades turísticas, que tamén se concederán por concorrencia competitiva, permitirán financiar experiencias singulares, a organización de eventos ou actividades relacionadas co fomento da calidade e, ao igual que a anterior, tamén concederá ata un máximo de 5.500 € por entidade para facer fronte a gastos como o do alugueiro de espazos, vehículos, mobiliario e equipos informáticos. O pasado ano beneficiáronse destas axudas 18 entidades de 15 concellos para poñer en marcha xornadas e simposios sobre turismo, plans de desestacionalización, iniciativas de turismo astronómico e enoturismo ou actividades de promoción.