A Deputación abre o prazo para que os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes soliciten axudas para promover a igualdade

Con esta liña de axudas, dotada con 260.000 euros, búscase impulsar diferentes actividades de sensibilización, formación ou, entre outras, prevención da violencia machista. Cada concello poderá recibir ata 6.000 euros

20/02/2024

A Deputación de Pontevedra abre este mércores 21 de febreiro o prazo para que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia soliciten subvencións para desenvolver proxectos, programas e actividades centrados en conseguir a igualdade entre mulleres e homes e loitar contra a violencia machista na provincia durante o ano 2024. A través desta liña de axudas, dotada con 260.000 euros, cada concello poderá recibir ata 6.000 euros.

Con estes recursos, os concellos terán a posibilidade de impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; proxectos para mellorar a atención integral ás vítimas de violencia de xénero, ás súas fillas e fillos e persoas dependentes ao seu cargo; actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; actividades para mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; e campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade. Tamén para elaborar plans municipais de igualdade, proxectos e iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais contra a violencia de xénero, crear redes de apoio para fomentar a corresponsabilidade, accións e actividades de prevención e sensibilización no eido educativo e para contratar persoal empregado público especialista en materia de igualdade. As accións deberán realizarse durante 2024 e estar rematadas en todo caso antes do 31 de decembro deste mesmo ano.

Xunto a estas axudas, que os concellos poderán solicitar ata o 21 de marzo, a Deputación ten aberto o prazo para que entidades sen fins de lucro da provincia soliciten subvencións tamén para impulsar a igualdade e loitar contra a violencia machista. Neste caso, as axudas ascenden a 200.000 euros, 50.000 máis que no 2023, e cada entidade poderá recibir ata 7.000 euros, 1.000 máis que o pasado ano. Son, en total, 460.000 euros os recursos que o goberno de Luis López destinará neste 2024 á promoción da igualdade, un 12 % máis ca o pasado ano.

Ligazóns de interese