Presentación do catálogo da exposición “Cuestión de tempo” de Román Corbato

24/01/2023

Catálogo Cuestión de Tempo

A presidenta provincial, Carmela Silva, fixo entrega esta mañá ao artista Román Corbato do catálogo da exposición “Cuestión de tempo”, que o creador e profesor en Belas Artes protagonizou na sala Maruja Mallo da sede de Vigo entre o 28 de xullo e o 19 de setembro de 2022.

Carmela Silva destacou que o catálogo “é unha marabilla, como foi a mostra, unha sorpresa en si mesmo, comezando pola portada e a contraportada que obrigan a entrar e descubrir a marabillosa obra de Corbato e todo o que está aportando á arte e á cultura”. A presidenta fixo fincapé no éxito da mostra e do obradoiro infantil desenvolvido ao redor da mesma, así como na boa relación da Deputación coa Facultade de Belas Artes, onde o creador é tamén profesor: “Para nós a cultura é un eido político fundamental –destacou-. Non se pode entender a polis sen arte. Nunca houbo unha gran civilización ou espazo público no que a arte non fose un elemento transformador da relación humana”. 

Pola súa banda, Román Corbato agradeceu a confianza e o apoio da institución provincial á exposición, ao obradoiro e agora á edición do catálogo, “porque fixeron un traballo de coidado desde todos os servizos”. Explicou que o volume, deseñado por Miguel Lomba, “busca incitar a que se abra” e está estruturado en tres partes, xogando “coa propia idea de construción das pezas da mostra”, de xeito que a primeira parte confórmana textos sobre o proceso artístico, a segunda imaxes das obras e por último, figuran os datos técnicos. “Desde que se xestou o proxecto ata hoxe foi un ano de traballo e sentinme moi arroupado”, indicou.

Tanto Carmela Silva como Román Corbato cualificaron o prólogo do catálogo, obra de Ignacio Barcia, docente e ex decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, “como outra obra máis da exposición”. Barcia subliñou o papel de Corbato no centro e amosouse encantado de que o seu prólogo “dalgunha forma contribúa a que se entenda a obra deste artista ou haxa novas lecturas dela, e sobre todo, que se coñeza”.

Galerias de imaxes

Noticias relacionadas

 
		A obra artística de Rosa García e Alberto Pena chega á sede da Deputación en Vigo

A obra artística de Rosa García e Alberto Pena chega á sede da Deputación en Vigo

O vindeiro día 25 inaugurarase a dobre mostra na que a artista viguesa ofrecerá pezas de gravado, fotografía e escultura co título “Máis aló do lugar habitado” e o creador afincado en Cangas amosará a exposición pictórica “Natureza alterada”

 
		A Deputacion pecha a exposición “Dende a Fenda” cun berro das mulleres da arte para ocupar máis espazo profesional e  maior visibilización

A Deputacion pecha a exposición “Dende a Fenda” cun berro das mulleres da arte para ocupar máis espazo profesional e maior visibilización

Xornada reivindicativa na sede provincial no Casco Vello na que oito artistas denunciaron a diferencia de trato, oportunidades e presenza nos espazos artísticos profesionais, nos que as mulleres seguen a estar relegadas

 
		O Museo pecha 2022 coa mellor cifra absoluta na última década

O Museo pecha 2022 coa mellor cifra absoluta na última década

As cifras amosan unha subida de 47.000 persoas fronte ao ano pasado, cando xa se rexistraran datos de récord durante o verán