Rafa Domínguez participa na presentación do Open Cidade do Lérez de Taekwondo, que se celebra este sábado no pavillón de Príncipe Felipe
04/06/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este martes no Concello de Pontevedra na presentación do Open Cidade do Lérez de Taekwondo, que organiza o club Taekanart este sábado 7 de xuño no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe. O vicepresidente puxo en valor que un ano máis o club escollera esta infraestrutura da Deputación "na que se darán cita deportistas de todo o país" para realizar combates nas categorías de infantil, precadete, cadete, xunior e absoluto, tanto masculinas como femininas.
Rafa Domínguez asegurou que "con este Open imos situar Pontevedra cidade e provincia de novo no centro dunha disciplina cun bo número de seguidores, e coa chegada de deportistas e familias teremos moita visibilidade para o noso territorio e para irnos consolidando como un destino de turismo deportivo". O vicepresidente da Deputación lembrou que "somos a provincia do deporte e queremos compartilo con todo o mundo para converternos no gran referente mundial, con espectáculos deportivos de primeiro nivel no que amosaremos o noso alto nivel na competición e na organización de eventos".
