O deputado provincial Javier Tourís participa na presentación da programación da 63.ª Romaría Vikinga de Catoira

O deputado provincial Javier Tourís acudiu este venres á presentación da LXIII Romaría Vikinga en Catoira.

28/07/2023

O deputado provincial Javier Tourís acudiu este venres á presentación da LXIII Romaría Vikinga nas Torres de Oeste, en Catoira, xunto co alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño; o concelleiro de cultura do Concello, Raúl Gómez; a directora da Escola Municipal de Teatro de Catoira, Fátima Rey, e a deseñadora do cartel da presente edición da festa, Nuria Bouzas, entre outros. A edición deste ano da Romaría Vikinga de Catoira terá lugar entre o 2 e o 6 de agosto.

Na súa intervención, Tourís salientou que esta é “unha celebración única en toda Galicia, declarada de interese turístico internacional e cunha longa, ampla e proveitosa traxectoria” e tendeu a man do goberno da Deputación, que vai “redobrar o noso compromiso coas festas de interese turístico” pois o turismo “é un dos grandes motores económicos da nosa provincia, cun impacto considerable no PIB”. Neste eido, o deputado provincial remarcou que “é a nosa vontade sumar sinerxías, traballar conxuntamente, co sector público pero tamén co privado, escoitar moito e evitar o ruído e a confrontación. Cremos que esta é a fórmula para avanzar”. “Traballaremos arreo –asegurou- para que este sector, tan importante, estea situado no lugar que merece e que esta provincia, o destino turístico principal de Galicia, sexa un lugar moito máis competitivo e con moitas máis oportunidades”.

Galerias de imaxes