Marta Fernández-Tapias comprométese a darlle un forte impulso á vela como actividade deportiva e turística na presentación da XXVI Regata de Cruceiros de Aguete

A vicepresidenta da Deputación remarcou o “firme compromiso” do novo equipo da institución co deporte e coas persoas e entidades que o promoven. Adiantou que “a aposta pola promoción das actividades deportivas será un dos grandes obxectivos do mandato que acaba de comezar”

27/07/2023

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou este xoves na presentación da XXVI Regata de Cruceiros do Real Club Náutico de Aguete, que terá lugar os vindeiros 5 e 6 de agosto. Esta é “unha das probas náuticas de maior arraigo e tradición en Galicia e que este ano cumpre 20 anos ininterrompidos sendo puntuable para a Copa de España, o que a converte na máis lonxeva de entre as galegas neste ámbito”.

Durante o acto, Tapias quixo agradecerlle ao Real Club Mar de Aguete a súa implicación co deporte e os seus preto de 50 anos de organización de eventos náuticos de primeiro nivel na ría de Pontevedra. Consciente do esforzo que supón a organización deste tipo de eventos, comprometeuse persoalmente a darlle un importante impulso á vela, non só como actividade deportiva, senón tamén polo seu alto valor turístico.

Así, manifestou o seu "firme compromiso" co deporte e tamén coas persoas e entidades que o promoven, e engadiu que "a aposta pola promoción das actividades deportivas será un dos grandes obxectivos deste mandato que acaba de comezar".

No acto de presentación, ademais da vicepresidenta, tamén estiveron presentes o vicepresidente do Real Club de Mar de Aguete, Raúl Oltra de Santiago; o tenente de alcalde de Marín, Manuel Santos; o comandante-director da Escola Naval de Marín, Pedro Cardona; o presidente do Casino Mercantil de Pontevedra, Roberto Vega; a comodora do Real Club de Mar de Aguete, Celina Torrado; o representante de Luz Solidaria, Jaime Jaquotot, e os concelleiros de Marín Marián Sanmartín e Hugo González.

Galerias de imaxes