A vicepresidenta da Deputación, Marta Fernández-Tapias, asistiu esta mañá á presentación da 60ª Regata Rías Baixas

03/08/2023

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, asistiu esta mañá á presentación da 60ª Regata Rías Baixas organizada polo Real Club Náutico de Vigo e que terá lugar entre o 10 e o 14 de agosto nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. Na presentación, que tivo lugar no salón nobre do edificio social do Real Club Náutico de Vigo, a vicepresidenta provincial asegurou que “esta cita sempre tivo algo especial que a fai distinta, é desas probas na que todos queren participar e ninguén quere perder”. Fernández-Tapias puxo en valor este evento “único, que sitúa a Vigo e ás tres rías no epicentro do turismo náutico estatal" e que serve de "fonte de dinamización turística e económica para os municipios onde fai escala”. A vicepresidenta felicitou á organización e á directiva do club e reiterou que “neste novo mandato da Deputación queremos dar un forte impulso ao deporte, que será un dos nosos grandes eixes e obxectivos”.