A Deputación impulsou máis de 2.000 contratos de traballo nos concellos a través das tres edicións do Plan +Provincia, cun investimento de 25 millóns de euros
Este ano, 640 persoas desempregadas serán contratadas cos recursos da liña 3, de emprego, do Plan +Provincia, con axudas que ascenden a máis de 8 millóns de euros para os 55 concellos que o solicitaron
16/05/2026
A Deputación de Pontevedra impulsou 2.016 contratos de traballo nos concellos de menos de 50.000 habitantes a través das tres edicións do Plan +Provincia. Desde que Luis López goberna na institución, o investimento do organismo para o fomento do emprego nos concellos a través deste plan provincial supera os 25 millóns de euros. Este ano, preto de 640 persoas desempregadas están a ser contratadas polos concellos cos recursos da liña 3, de emprego, do Plan +Provincia, con axudas que ascenden a máis de 8 millóns de euros para os 55 municipios que o solicitaron.
En liñas xerais, cos recursos provinciais os concellos contratarán a persoas para desenvolver postos de traballo como peóns de obras públicas, mantemento de edificios e forestais; condutores; operarios de limpeza, xestión de residuos e recollida de lixo; conserxes e operarios de servizos múltiples; operarios de parques e xardíns; socorristas; técnicos e guías ou auxiliares de turismo; auxiliares administrativos e administrativos; persoal para o servizo de Axuda no Fogar; axudantes de museos e bibliotecas; educadores e traballadores sociais; enxeñeiros forestais; técnicos de educación infantil e animadores socioculturais; monitores de servizos á comunidade; técnicos de urbanismo e, entre outros moitos, técnicos en acondicionamento físico e mantemento de instalacións deportivas.
Lalín, con 353.000 € é o concello que máis recursos recibe do +Provincia para contratar a persoas desempregadas, neste caso a 20 persoas. Sigue a Lalín Vilagarcía de Arousa con 294.000 € para contratar a 33 persoas e Tomiño con 276.000 € para realizar 19 contratacións. Pola súa banda, Dozón conta con 21.000 € para contratar a unha persoa, Pontecesures con 59.000 € para realizar tres contratacións e Mondariz Balneario 62.000 € para oito.
Os recursos do Plan +Provincia neste 2026 para a contratación de 640 persoas desempregadas están dirixidos a Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Caldas de Reis, Cambados, O Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, A Caniza, Catoira, Cerdedo Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Os concellos de Bueu, Mos, Ponteareas e Valga destinarán os recursos que lle correspondían ao abeiro da liña 3, de emprego, do Plan +Provincia a impulsar novos investimentos nos seus termos municipais e a afrontar gasto corrente.